19 de xuño de 2017

TUI

Tui suma un investimento de máis de 150.000 euros con axudas do "Plan Concellos 2017" da Deputación de Pontevedra

Cun investimento superior aos 875.000 euros, a institución provincial xa leva entregado o 87 % do importe total de Tui dentro do Plan Concellos  

Infogauda / Tui

 A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, catro novas axudas ao Concello de Tui ao abeiro da liña 1 de Investimentos do "Plan Concellos 2017". Deste xeito, a institución provincial achega as seguintes cantidades: en primeiro lugar, 56.851,41 euros para a mellora da pavimentación de dous viarios situados en Bouzabalada e en Filgueira. A maiores, outra achega de 51.524,73 euros para a creación dun módulo de 48 nichos no cemiterio municipal. Ademais, 27.178,66 euros que permitirán realizar a mellora da pavimentación de viarios situados entre Parceira e Baldráns e entre Cruxeiras e Rebordáns e, por último, outros 21.854,03 euros para a realización da ordenación exterior da escola infantil da vila. Entre estas catro achegas, a Deputación de Pontevedra acaba de investir a cantidade de 157.408,83 euros no Concello de Tui.  

 Ademais, anteriormente a Deputación de Pontevedra xa destinara a Tui 472.361,06 euros en liña 1 para a reforma dos vestiarios do complexo deportivo Álvarez Durán, a ordenación dunha rotonda mailo seu entorno, a reforma das instalacións do conservatorio de música, subministracións varias (un equipo de medición mailo software, un mupi dixital para información turística, un sonómetro e máis material e software informático), a regulación do tráfico da intersección entre a rúa Calzada e a avenida da Concordia, a adquisición dunha motocicleta para a Policía Local, o acondicionamento dos xardíns de Troncoso e, por último, a mellora da pavimentación que une os núcleos das Chans con Circos. Ademais, 20.351,86 euros en liña 2 para diversas actividades como os campamentos de verán, o Entroido ou a Cabalgata de Reis e, finalmente, outros 225.165,30 euros para a contratación de 23 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de Emprego do plan.  

 Coa suma desta nova achega, a porcentaxe de adxudicación do "Plan Concellos 2017" da Deputación de Pontevedra en Tui sitúase neste momento no 87,2 %. Isto supón que o Concello xa dispón de 875.287,05 euros dun total de máis dun millón de euros.

Ningún comentario: