28 de xul. de 2017

A GUARDA

CASA DOS ALONSO ACOLLE A MOSTRA “VIAXANDO POLA HISTORIA, CEN ANOS DO MASAT” 

Nela queda patente unha síntese do primeiro século de traxectoria museítisca, co Monte Santa Trega como eixo fundamental, e da Sociedad Pro-Monte como pioneira en Galicia, nese tipo de iniciativas a prol da divulgación do noso Patrimonio arqueolóxico

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, salientou o importante investimento que vai receber o Monte Santa Trega para ás labores de consolidación é posta en valor da zoa reexcavada no sector Mergelina
Fotos: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 A exposición “Viaxando pola historia, cen anos do MASAT”, conmemorativa do centenario do Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega, abriu onte as súas portas cun acto de inauguración no que interviron o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, a concelleira de Turismo, Monserrat Magallanes Álvarez, o deputado provincial de Turismo, Santos Héctor Rodríguez Díaz, e o arqueólogo da Deputación de Pontevedra, e comisario da exposición, Rafael Rodríguez Martínez.   

O arqueólogo da Deputación de Pontevedra, e comisario da exposición, Rafael Rodríguez Martínez, abriu os turnos de intervencions   

 O arqueólogo foi o encargado de explicar os contidos e o sentido da mostra, na que se amosan parte dos fondos cos que conta o MASAT, máis aló dos xa amosados na súa exposición permanente. “Trátase de sacalos á luz e dalos a coñecer ao público en xeral; de que falemos todos, comezando polas pedras”, explicou Rafael Rodríguez, facendo especial fincapé na importancia da labor realizada polos guardeses que, durante anos, axudaron co seu traballo a configurar o primeiro museo arqueolóxico de Galicia. E é que o MASAT serviu de impulso para as investigacións acometidas posteriormente noutros xacementos do noroeste da comunidade, a partir das cales contamos con numerosos testemuños da cultura castrexa na nosa terra.
  
Na sala que ollamos nesta imaxe, expóñense unha selección de pezas doutros xacementos arqueolóxicos da pronvia de Pontevedra

 Na última sala da mostra recóllense varias pezas  procedentes doutros xacementos da provincia, con mostras senlleiras de cada un deles,  “para que comprendamos que o Trega e o MASAT foron moi importantes, e continúan séndoo, para un período cronolóxico e cultural como é a Idade do Ferro e a cultura castrexa no noroeste”,  recalcou Rodríguez.  

O deputado provincial de Turismo, Santos Héctor Rodríguez Díaz na súa intervención

 Neste mesmo sentido se pronunciou Santos Héctor, ao referirse á especial importancia do MASAT, cuxos fondos contan con preto de 40.000 pezas. “Moitos dos que visitan a provincia veñen motivados pola nosa rica historia arqueolóxica e, neste aspecto, o que máis destaca pola súa envergadura é, sen dúbida, o Monte de Santa Trega”, aclarou o deputado provincial.  


A escultura antropomorfa coñecida como "O Cabezón do Trega", atopado no barrio Mergelina, tamén está nesta mostra

 O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, destacou a necesidade de preservar e potenciar cara ao futuro o legado deixado polos membros da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, creadores do Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega, hoxe coñecido como MASAT. Este é, segundo o rexedor, “un elemento imprescindible do noso Trega” que neste ano celebra o centenario do seu museo cunha serie de actividades, entre as que Lomba distinguiu esta mostra, coa pretensión de “homenaxear e dar a coñecer unha das nosas institucións máis salientables”.   

 O rexedor municipal agradeceu dun xeito especial o apoio prestado pola Deputación de Pontevedra para a realización desta exposición, que conta co financiamento da institución provincial a través do Plan Concellos 2017, e para a que cedeu un equipo de profesionais encargado da parte técnica, entre os que se atopa Rafael Rodríguez, comisario da exposición e coordinador do catálogo, que  probablemente - segundo anunciou o alcalde - estará a disposición das persoas interesadas, na videira semana.  

 Antonio Lomba dixo tamén que en breve comezarán os traballos previsto no proxecto de consolidación, restauración e escavación de apoio do xacemento arqueolóxico do "barrio de Mergelina", no Monte Santa Trega. 

 Como xa informamos oportunamente neste xornal dixital, o importe do contrato é de preto de medio millón de euros (445.746,73 €) e os traballos terán unha duración de nove meses.
  
O músico guardés Avelino Ferreira López captou toda á atención dos asistentes á inaguración, coa súa brillante actuación o comezo da inauguración e o remate da mesma.

 A nota musical da xornada viu da man do guardés Avelino Ferreira López. Acompañado do seu oboe, foi o encargado de dar comezo á inauguración pasadas ás 19:00 horas, coa interpretación da Cantata no. 156, de Bach. O mesmo músico puxo fin ó acto inaugural interpretando a peza do filme “La Misión”, de Ennio Morricone, para dar paso á apertura oficial da exposición ao público.
   
Alcalde, concelleiros, arqueólogos e público, en xeral, botándolle unha primeira ollada á mostra

 A mostra “Viaxando pola historia, cen anos do MASAT” divídese en tres bloques temáticos, nos que se amosan a historia do museo, os obxectos das campañas arqueolóxicas levadas a cabo ata o 2016 e a función do Trega como “faro” de coñecemento da Idade de Ferro na nosa provincia. 

Paneis informativos, bibliografía, fotografías, e pezas arqueolóxicas, configuran á mostra

 A exposición permanecerá aberta ó público ata o 27 de agosto, de martes a  sábado cun horario de mañá de 12 a 14 horas e, xa pola tarde, de 19 a 22 horas. Os  domingos e días festivos a mostra poderá visitarse en horario de mañá.

Ningún comentario:

Publicar un comentario