10 de xul. de 2017

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

DEPORTES

A Guarda, esceario do primeiro Campionato Internacional de Taekwondo Praia en España   

Na imaxe Montserrat Magallanes Álvarez, Manuel Javier Crespo González e Rafael Álvarez Martínez, 2ª tenente de alcalde, o concelleiro de Deportes e  presidente da Entidade Local Menor de Camposancos, respectivamente; con varios participantes no I Campus de Taekwondo Internacional da Guarda
Fotos: C.A.G.

Infogauda / Camposancos

 A Praia do Forte - tamén coñecida internacionalmente como Praia do Muíño -, en Camposancos (A Guarda), foi a escollida para a celebración do I Campionato de técnica e free style praia e o I Trofeo de rompimentos espectaculares, celebrados o pasado domingo 9 de xullo.  

 Ambas competicións enmárcanse dentro do I Campus de Taekwondo Internacional da Guarda, que tivo lugar entre os días 6 e 9 deste mes nas inmediacións da praia guardesa, organizado polo Clube Do-Majó, en colaboración co director da Asociación Deportiva Do Yang, Francisco Tilve, o director do Ximnasio Kiap, Alfonso Guedella, e o mestre do Clube Do-Majó, José Lores.   


 Con idades comprendidas entre os 5 e os 58 anos, os máis de 50 participantes do Campus -principalmente procedentes da comunidade galega, Castilla-La Mancha e Portugal- puideron practicar distintas técnicas da arte marcial e a súa efectividade como sistema de autodefensa, ademáis da práctica de sistemas avanzados de adestramento da flexibilidade, acrobacias e adestramento funcional aplicados ó Taekwondo.   

 Todo isto, da man dun equipo técnico composto por 15 profesionais de recoñecido prestixio, entre os que destacan o castelán-manchego Manuel Ballesteros, vinte veces campeón de España e seis veces campeón de Europa; os portugueses Sergio Ramos e Yoana Gonçalves, ambos campións de Europa; o mestre coreano Seung Han,  7º Dan e antigo Campión de Corea e Avilio Fernández, director de arbitraxe internacional da Federación Portuguesa. Ademais da calidade docente, os participantes salientaron o espectacular enclave onde se realizou o evento, “rodeado de natureza, con praia e paisaxes inmellorables”.  

 Pioneiros nos Campionatos de Taekwondo Praia 

 O I Campeonato de técnica e free style praia de Taekwondo, programado inicialmente para a mañá do domingo no campo de fútbol do Codesal, trasladouse ás inmediacións da praia de O Forte (tamén coñecida como praia do Muíño) –cun fondo de mar, río e vistas a Portugal-, onde finalmente se celebrou ás 17:00 horas, seguida do I Trofeo de rompimentos espectaculares de Taekwondo nos niveis infantil, cadete, junior/sub21, absoluto e máster. 


 Tras a demostración da base técnica, na que se valorou a perfección dos movementos, os participantes mostraron a súas habilidades de coordinación na modalidade free style, na que os movementos da arte marcial se combinan coa música para ofrecer un espectáculo coregrafiado. O Trofeo de rompimentos espectaculares deu os momentos máis aplaudidos polos espectadores. Nesta técnica, os competidores exercen o endurecemento do corpo e, a un mesmo tempo, fan execucións complexas con dintintos materiais. Poñendo fin á xornada, os participares agasallaron ós espectadores cunha demostración da modalidade olímpica de combate.   

 O nacemento dun proxecto pioneiro 
 O I Campionado Mundial de Taekwondo Praia celebrado na illa grega de Rodas o pasado mes de maio deu o empurrón definitivo ós organizadores para levar adiante a celebracións destes campionatos. O que até fai dous meses era unicamente un proxecto, converteuse en realidade nun tempo récord, “grazas á colaboración do concello da Guarda e ós profesionais que se sumaron á iniciativa”, sinalou o director do Clube Do-Majó, José Manuel Fandiño.  

 A este respecto, o mestre José Lores quixo destacar o carácter embrionario desta primeira edición, “pensada para promocionar a práctica de Taekwondo e mellorar en base a esta experiencia”. Os xuíces das competicións en categorías adultas foron os propios nenos e nenas participantes no Campus, de xeito que o recoñecemento dos vencedores fíxose cun caracter meramente simbólico e como agradecemento polo apoio dado ás competicións.  


 Con todo, dende a organización fan una valoración “altamente positiva” da experiencia, calificándoa de “histórica”, por ser estas as primeiras competicións de Taekwondo Praia que se celebran en España. Non terían sido posibles, destacan, “sen a gran implicación do Concello guardés”, sinalando a especial dedicación do concelleiro de Deportes, Manuel Javier Crespo, e a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes. “Tanto a nivel loxístico como en infraestrutura, estiveron en todo momento a disposición da organización, posibilitando que o evento teña sido un éxito”, engadiu José Manuel Fandiño. Do mesmo xeito, mereceron mención os hoteles da localidade guardesa El Molino e Novo Muíño, ambos sedes do Campus, e o presidente da Entidade Local Menor de Camposancos, Rafael Álvarez Martínez. Este último, xunto cos concelleiros, foron os encargados de facer entrega dos trofeos.   

 Tanto por parte dos organizadores como do concello guardés existe a vontade de repetir a experiencia, de xeito que o vindeiro ano A Guarda estará preparada para volver ser o punto de encontro de profesionais e aprendices desta disciplina.

Ningún comentario:

Publicar un comentario