24 de xul. de 2017

GALICIA

A Iniciativa Galega pola Memoria súmase á denuncia polo acto vandálico no monumento dos carrilanos asasinados en Castro do Val en 1936  

· O monolito lembra que neste concello ourensán os fascistas asasinaron os cidadáns portugueses D. Ramiro, José María Sena e Antonio Ribeiro. Ribeiro segue soterrado baixo a peza, que sufriu importantes destrozos hai uns días  

· A IGM denuncia que a agresión supón unha nova aldraxe ás vítimas da represión franquista, que xa veñen sufrindo a cotío o absoluto desprezo de Xunta e Estado que unha e outra vez poñen atrancos á memoria 


O monolito lembra que neste concello ourensán os fascistas asasinaron os cidadáns portugueses D. Ramiro, D. José María Sena e D. Antonio Ribeiro. Ribeiro segue soterrado baixo a peza, que sufriu importantes destrozos hai uns días



Iniciativa Galega pola Memoria / Pontevedra

 A Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), que agrupa colectivos de toda Galiza, quere sumarse á condena polos actos vandálicos cometidos contra o monumento en memoria dos carrilanos portugueses asasinados polo fascismo no concello ourensán de Castro do Val.  

 A peza, inaugurada en agosto de 2012 grazas ao empeño de Nomes e Voces, a Asociación Carrilanos de Campobecerros e o Concello de Castro de Val, lembra o asasinato de D. Ramiro, José María Sena e Antonio Ribeiro, este último aínda soterrado baixo a parcela que acolle o monumento. Os tres, carrilanos de profesión, naceran en Portugal pero no momento do golpe residían en Castro do Val. Polo seu apoio á República foron asasinados polo fascismo e máis de oitenta anos despois dese crime, a intolerancia cébase máis unha vez contra eles, destrozando a peza que honra a súa memoria.  

 Tanto a Asociación Carrilanos de Campobecerros como Nomes e Voces a través de Histagra condenaron xa estes feitos e solicitaron a restitución da peza por parte do Concello, que xa colaborara na súa creación e que tamén comprometeu a súa restitución. A Iniciativa Galega pola Memoria súmase a esa petición e como antes fixeron outros colectivos da zona como CIG Ourense, quere amosar publicamente o rexeitamento a actos que, coma este, supoñen unha nova aldraxe ás vítimas da represión franquista, que xa veñen sufrindo a cotío o absoluto desprezo das administracións autonómicas e estatais. Xunta e Estado non só se gaban de non destinar nin un só céntimo ás políticas públicas de memoria senón que unha e outra vez poñen atrancos a quen asume a obriga moral e democrática de recoñecer ás vítimas do 36. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario