25 de xul. de 2017

PONTEVEDRA

EVA VILAVERDE REÚNESE CON REPRESENTANTES DE ESCULCA PARA ACLARAR A SITUACIÓN DOS MENORES DE PRÍNCIPE FELIPE 

Representantes do ‘observatorio galego para a defensa dos dereitos e liberdades’solicitaron información sobre a realidade dos centros de acollemento e os termos do convenio actual coa Xunta 

Eva María Villaverde Pego, deputada delegada de Príncipe Felipe
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 A deputada delegada de Príncipe Felipe vén de reunirse con representantes da asociación Esculca para explicar a situación dos menores que están en réxime de acollemento nos centros da Deputación. Os membros do colectivo, un observatorio de ámbito galego para a defensa dos dereitos e liberdades fundado en 2002, solicitaran o encontro coa responsable provincial ante a preocupación que lles xurdiu tras coñecer a situación de violencia que se vive no centro provincial.  

 Dende Esculca querían coñecer se dende a Deputación se estaban a respectar e coidar os dereitos dos nenos  e nenas no centro provincial de acollemento, así como coñecer a realidade de primeira man, saber en que termos se está a desenvolver o actual convenio coa Xunta de Galicia e que repercusión tería a rotura de tal acordo para todas as partes implicadas.   

 Vilaverde explicou o funcionamento e natureza de Príncipe Felipe, que actualmente ten en protección (centro de día e centro de acollida) a un total de 210 rapaces, dos que só un tercio veñen derivados polo convenio coa Xunta. Estes rapaces están acollidos en catro centros: a Unidade de Primeira Acollida, un área temporal na que os menores chegan para avaliación como paso medio entre una detención, orde xudicial ou de Fiscalia, así como dende a Consellería de Familia, ata ser derivados a outro recurso; e outras tres unidades de acollemento, Escola-Fogar, Agarimo e Maternais, que atenden menores que se atopan en situación de risco ou desamparo ou que pertencen a familias con dificultades sociais.  

 A deputada explicou que o problema de violencia vén derivado dos rapaces enviados pola Xunta de Galicia, que se manteñen no centro incluso contra o criterio dos técnicos provinciais, e impiden o traballo co resto de menores e incluso ameazan e agreden ao persoal. Subliñou que a intención da Deputación é modificar o convenio para que os informes dos funcionarios propios sexan vinculantes e evitar que os menores con perfís violentos ou de adiccións ingresen en Príncipe Felipe: “Queremos repectar os dereitos de todos: traballadores e menores, que están a vivir unha situación de violencia que non teñen que vivir, e tamén garantir que aqueles rapaces e rapazas que teñen condutas disruptivas-e que en Príncipe non teñen o mellor servizo para eles-, sexan derivados a un recurso que si sexa eficiente para as súas necesidades”, indicou Vilaverde.  

 A nacionalista fixo un percorrido polo conflito aberto coa Xunta e indicou que dende a Deputación se está a dar un servizo que é competencia puramente autonómica. Como exemplo, Vilaverde puxo sobre a mesa a situación da UPA, que é un centro que debería ser creado e xestionado unicamente polo goberno galego que, sen embargo, non paga nin a metade dos custes que xera. “Ata o de agora veñen botando balóns fóra cos nenos con perfís violentos e a realidade é que se precisa un centro con prazas específicas para este tipo de menores”, insistiu.   

 Ante estas explicacións da deputada, os representantes de Esculca manifestaron o seu entendemento ás esixencias da Deputación con respecto á necesidade de emitir informes vinculantes para solventar o problema da violencia e non admitir rapaces con condutas non axeitadas para Príncipe Felipe. Coincidiron tamén na necesidade de crear prazas específicas por parte da Xunta para os menores con perfís disruptivos e manifestaron sentirse satisfeitos ao ver que a institución provincial está buscando a mellor solución tanto para os menores para os que Príncipe Felipe é o recurso máis axeitado como para aqueles que deben ser derivados a outros. Así mesmo, os membros de Esculca manifestaron a súa intención en solicitar unha entrevista coa directora de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, para coñecer os pasos que pensa dar a Xunta de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario