7 de xul. de 2017

PONTEVEDRA

Carmela Silva anuncia o inicio da contratación da consolidación e restauración do poboado Mergelina, no asentamento castrexo do Monte Santa Trega (A Guarda)

A presidenta da Deputación de Pontevedra avanzou a situación co convenio con Fomento. "Estamos á espera de asinar unha vez se aprobaron os orzamentos do Estado"

Vista parcial do poboado Mergelina, no asentamento castrexo do Monte Santa Trega (A Guarda)
Foto: Infogauda

Infogauda / Pontevedra

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou hoxe en rolda de prensa que a Xunta de Goberno da institución provincial vén de aprobar o expediente para a contratación, mediante procedemento aberto, do proxecto de consolidación, restauración e escavación de apoio do xacemento arqueolóxico do "barrio de Mergelina", no Monte Santa Trega (A Guarda).  

 Trátase dun dos sectores máis coñecidos do castro do concello da Guarda, no lado da desembocadura do río Miño, e que xa foi recentemente escavado no marco do protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento para a posta en valor dos xacementos da provincia de Pontevedra. O importe do contrato é de preto de medio millón de euros (445.746,73 €) e os traballos terán unha duración de nove meses.  

 Deste xeito, sinalou Carmela Silva, "poderanse realizar obras que permitirán consolidar todos os achados de estruturas e pezas neste castro" e "garantir que este proxecto se poida seguir completando dentro dos prazos previstos" xa que, na actualidade, "os traballos de restauración e consolidación que xa se están levando a cabo en distintos xacementos da nosa provincia", incluídos tamén neste proxecto co Ministerio de Fomento, "fan que os medios humanos dos que dispoñemos na Deputación de Pontevedra non sexan suficientes", asegurou a Presidenta da institución provincial.  

 Durante eses nove meses, a empresa adxudicataria terá que realizar o proxecto seguindo as catro fases marcadas: a redacción do proxecto de Intervención, a execución dos traballos, o informe valorativo e a memoria técnica. Ao final dese período, a maiores, deberá realizar un informe final. O prazo de presentación das empresas será de 52 días naturais a partir do día que se especifique no anuncio que aparecerá publicado no Boletín Oficial da Provincia.  

 A presidenta provincial, Carmela Silva, lembrou "a importancia do que aconteceu durante as escavacións no Monte Santa Trega, que se realizaron nunha área de 2.000 m2". Santa Trega está "considerada como a primeira cidade", a maior aglomeración de persoas en toda a provincia, antes que en Lugo, Braga ou Astorga na época romana. "Ata antes destes traballos pensábase que o castro estivera ocupado entre o século I a.C. ata o I d.C., pero as probas de Carbono 14 realizadas agora veñen a confirmar que a ocupación se iniciou antes do século IV a.C., incluso vestixios indican que puido ter lugar no século VIII a.C.", sinalou a Presidenta. En total "atopáronse un total de 43.833 pezas que xa pasaron, todas elas, por un proceso de lavado, limpeza, identificación e de recolocación para ver se encaixaban entre elas". Finalmente, "elaborouse un estudo e entre o 5% e 10% das pezas, as máis significativas, foron fotografadas e debuxadas". Polo tanto, sinalou Carmela Silva, "un traballo inxente".  

Á espera de asinar o convenio co Ministerio de Fomento  


Carmela Silva, na rolda de prensa de hoxe na Deputación de Pontevedra
Foto: D.P.

 Carmela Silva anunciou tamén a situación na que se atopa a día de hoxe o acordo co Ministerio de Fomento do Goberno estatal. A Presidenta sinalou que "estamos á espera, agora que están aprobados os orzamentos do Estado, de que se asine o convenio". Carmela Silva indicou que "para manter o acordo acadado en 2015, cun presuposto de 6,5 millóns de € nos que a Deputación de Pontevedra achegou 2,2 millóns, nós realizamos todas as obras de acondicionamento, limpeza, consolidación e restauración de Castro Alobre, A Lanzada e Santa Trega, e agora queda por facer fronte aos que teñen que ver coa limpeza", para os que se precisa asinar o novo convenio. A presidenta provincial lembrou que "tivemos que asinar unha prórroga do protocolo, que rematara o 14 de marzo, para que puidera ter vixencia ata finais de ano e se mantivera en vigor".  

 A expensas de que se realice a sinatura, "todos os informes tanto xurídicos como económicos xa teñen o visto bo dos órganos administrativos, económicos e xurídicos do Goberno estatal", polo que Carmela Silva "agardo que en breve tempo podamos asinar ese convenio". A Presidenta tamén lembrou que "o Ministerio sacou a contratación a adxudicación da musealización, e foi a semana pasada cando asinaron o contrato coa empresa, polo tanto xa estaba adxudicado e agora, cos orzamentos aprobados, asinouse o contrato". Carmela Silva tamén avanzou que "estamos pendentes dunha próxima reunión con Fomento para, unha vez que dispoñen de orzamento, redefinir a situación especificando as actuacións concretas que cada organismo debe levar a cabo, os prazos e todas as cuestións técnicas pertinentes".  

 A presidenta rematou explicando a situación na que se atopan os castros a día de hoxe, lembrando que "o traballo da Deputación, todos os compromisos e as nosas obrigas están en marcha e pendentes da sinatura que agardo aconteza canto antes". Deste xeito, "Castro Alobre en Vilagarcía xa está consolidado, remataron os traballos da Deputación de Pontevedra en abril". En canto á Lanzada, en Sanxenxo, "está en execución a consolidación, que ten previsto rematar en setembro". En canto á consolidación do Monte do Castro, en Ribadumia, "está iniciada a redacción do proxecto e pendente de entregar a Patrimonio para obter os permisos e poder iniciar os traballos en setembro". No caso de Penalba (Campo Lameiro) e Alto dos Cubos (Tui), "fixemos a realización do topográfico". Para o Monte do Facho en Cangas e Porta de Arcos (Rodeiro) "estamos á espera de pechar o convenio con Fomento para comezar a actuar neles e en todos os demais que nos quedan pendentes".

Ningún comentario:

Publicar un comentario