29 de ago. de 2017

A GUARDA

“De Pontevedra a Río 2016” e “Catro médicos polo Baixo Miño”: novas mostras no Centro Cultural 


Infogauda / A Guarda

 O Centro Cultural da Guarda é o lugar escollido para albergar dúas novas exposicións que se inauguran nestes días na nosa vila: “De Pontevedra a Río 2016”, organizada pola Deputación de Pontevedra, e a mostra de pintura ó óleo “Catro médicos polo Baixo Miño”. 

 Despois de expoñerse en varias localidades da provincia, a mostra fotográfica “De Pontevedra a Río 2016” chega ao Centro Cultural, onde se inaugurará este mércores día 30 de agosto, ás 20:30 horas. No acto estarán presentes o Concelleiro de Deportes, Manuel Javier Crespo González, a Deputada de Deportes, María Consuelo Besada Lores, e a Deputada provincial de Emprego, Montserrat Magallanes Álvarez. 

 "De Pontevedra a Río 2016" recolle o palmarés dos e das 16 deportistas que participaron nos Xogos nuns paneis individuais nos que se poden comprobar as súas traxectorias deportivas. Os 16 de "Río 2016" son Fernando Alarza Vicente, Juan Antonio Saavedra Reinaldo, Fernando Echávarri Erasun, María Bernabéu Avomo, Támara Echegoyen Domínguez, Sebastián Rodríguez Veloso, Rodrigo Germade Barreiro, Martín de la Puente Riobó, María Teresa Portela Rivas, César Neira Pérez, Óscar Carrera Amandi, Gustavo Nieves Campello, Frank Casañas Hernández, Agustín Alejos Alonso, Jean Marie Okutu Kouletio e Susana Rodríguez Gacio.

 A exposición, ideada pola Deputación de Pontevedra como homenaxe aos deportistas olímpicos e paralímpicos dos Xogos de Río 2016, permanecerá aberta ó público ata o vindeiro 9 de setembro, no horario de verán do Centro Cultural (de luns a venres de 9:00 a 14:00 h. e os sábados de 10:00 a 13:00 h.).

“Catro médicos polo Baixo Miño” 



 Por outra parte, a mostra “Catro médicos polo Baixo Miño” inaugúrase o venres día 1 de setembro ás 20:30 h., e contará coa presenza da Concelleira de Cultura, Elena Baz Rodríguez. Trátase dunha oportunidade única para coñecer a obra de catro médicos apaixonados pola pintura ó óleo: Tino Cuesta, Pablo Galego, Xesús Vázquez e Leopoldo García. Segundo indican desde o executivo municipal do Concello de A Guarda, poderá admirarse ata o 24 de setembro, no seguinte horario: do 1 ó 15 de setembro de 9:00 a 14:00 h. (luns a venres) e de 10:00 a 13:00 h (sábados), e do 16 ó 24 de setembro de 10:00 a 13:00 h. e de 17:00 a 20:00 h. (luns a venres) e de 10:00 a 13:00 h. os sábados.

Ningún comentario: