11 de ago. de 2017

SOUTOMAIOR

OS ‘LOMBOS’ DO PLAN MÓVESE DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CHEGAN A SOUTOMAIOR  

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez  indicou que a empresa Acciona está a realizar as obras dunha ducia de elementos de calmado de tráfico en tres estradas provinciais  

Abrirase unha nova convocatoria para solicitar máis ‘lombos’  

Actuación en Soutomaior, na EP 2909. PK 0+020-3
Foto: D. P.

Infogauda / Soutomaior

 O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra está a executar a instalación dunha ducia de pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos de velocidade para calmar o tráfico en tres estradas provinciais que pasan polo termo municipal do Concello de Soutomaior. Estes elementos foran solicitados polo goberno local ao abeiro do Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (MÓVESE). 

 Os traballos iniciáronse da man da construtora Acciona, responsable dos concellos da área de Vigo, hai xa varios díascoas obras de albañilería, adaptando as beirarrúas á altura dos pasos de peóns sobreelevados. Continuarán co aglomerado e co pintado horizontal e instalación de sinalización vertical dos pasos de peóns sobreleevados (PPS) que, como novidade, levan unha lenda de advertencia aos peóns na primeira banda do paso de cebra: ‘Atención. Mirar Esquerda-Dereita’. Tamén se instalarán captafaros reflectantes para dar visibilidade aos redutores, traballos que se realizarán tan pronto como sexan subministrados pola empresa adxudicataria.  

 Os lombos colocáronse, a petición da Alcaldía, en diferentes puntos de tres estradas provinciais. Na estrada EP-2908 Arcade-Amoedo instalaranse catro PPS con diferentes largos (entre 7 e 9 metros) en espazos onde hai beirarrúas únicas e dobres no núcleo urbano. En concreto, haberá ‘lombos’ nos puntos quilométricos 1+900, 2+000, 4+900 e 5+100. Tamén se instalará un redutor no punto 1+250.  

 Por outra banda, na estrada provincial EP-2909 Arcade-Viso haberá outros catro ‘lombos’  (de entre 6 e 8 metros de largo) nos puntos quilométricos 0+200, 0+400, 0+600 e 2+400, acompañado dun redutor de velocidade de 6 metros de largo no PQ 0+900. Así mesmo, na estrada compartida con Redondela (mais dentro do termo municipal), Soutomaior tamén disporá de dous redutores físicos de velocidade de vehículos nos puntos 3+150 e 3+450, ambos cun largo de 9 metros. 

 O deputado Benítez indicou que o Plan Móvese pretende resolver o problema da violencia viaria do único xeito posible e efectivo, que é rebaixar a velocidade ata conseguir os mínimos danos para as persoas cando hai un impacto cun coche. Uxío Benítez lembrou que as actuacións do Plan Móvese para as estradas de titularidade provincial fixéronse despois das solicitudes dos concellos de toda a provincia, a raíz das que o departamento de Mobilidade executará preto de 600 elementos logo de recibir máis dun milleiro de peticións. 

 Segundo indicou Benítez, dado o éxito da primeira fase do Plan  Móvese que está en execución e da grande solicitude de redutores de velocidade por parte de alcaldes da provincia para outros puntos da rede viaria provincial e incluso municipal, estase traballando xa na apertura dunha nova quenda de solicitudes, cuxas obras poderán chegar ás estradas provinciais o ano próximo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario