22 de set. de 2017

A GUARDA

A GUARDA E SÚA BISBARRA PREPARÁNSE PARA CELEBRAR Á FESTIVIDADE DE SANTA TREGA, AVOGADA DA CABEZA E DO CORAZON 

A romaría terá lugar este sábado día 23 de setembro, no Monte Santa Trega

A imaxe de Santa Trega, portada por varias persoas ofrecidas, retorna a súa ermida, o termo da procesión
Fotos: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda   

 A poboación da Guarda e da súa bisbarra prepárase para a celebración  da festividade de Santa Trega, que terá lugar este sábado día 23 de setembro, no incomparable cume do monte sacro que leva o nome desta mártir natural de Iconio. 

 Seguindo a convocatoria da multisecular Irmandade do Clamor, os devotos de Santa Trega, comenzarán a subida cara á súa ermida ó alborear o día, para reza-lo Santo Rosario, efectuar ofrendas de flores nos Vía Crucis e posteriormente asistir ás misas que se oficiarán ás 8:00, 9:00 e 10:00 h..   

 A eucaristía solemne, que estará presidida polo Prior da Irmandade do Clamor, e contará coa asistencia de diferentes autoridades do Rosal e da Guarda, dará comezo ás 11:00 da mañá.    

 Ao termo da celebración eucarística, terá lugar a procesión, na que participarán numerosas persoas de toda a comarca do Baixo Miño, algunhas das cales portan diversas ofrendas en especie que tras devolver a imaxe de Santa Trega o seu sitial no interior da capela, serán poxadas no púlpito ao aire libre, próximo ao Piñeiral da Santa.

O público congrégase preto do púlpito ao aire libre para presenciar á poxa dos froitos

 Peixe de coiro, viños e licores de produción artesanal, mariscos, froitas, hortalizas - entre elas as afamadas ristras de cebolas da Cruzada -, espigas "raíñas", tapetes, maquetas de gamelas, sobremesas caseiras,..., previamente ofrecidos á santa, seguindo a antiquísima tradición diezmal, serán públicamente poxados, na tradicional "poxa dos froitos". Un evento que adoita congregar a centos de persoas, moitas das cales seguen ese evento ata seu remate.

Co sorteo da "Regueifa" remata á "poxa dos froitos"

 Ao termo da poxa tamén será sorteada a "Regueifa", ou Tarta de Santa Trega, que adoita levar un grato agasallo sorpresa para a persoa afortunada. Toque ou non toque o agasallo, achégase o intre no que algunhas familias adoitan escomenzalo xantar ó aire libre.

 Para disfrutar das viandas que cada quen leve a romaría, e da compaña de familiares e amigos, sería toda unha mostra de civismo, que ninguén se situase no interior do poboado galaico-romano, para evitar, no posible, os danos que en ocasións se producen no xacemento arqueolóxico, especialmente nas estructuras descobertas nas diferentes escavacions.   

 Se como se prevé - e é de desexar -, a climatoloxía é favorable, os romeiros tras pasar a maior parte do día no cume do Monte Santa Trega, irán baixando a media tarde para tomar posicións no Parque do Cancelón (O Montiño), onde terá lugar a merenda-cea e probablemente, un animado baile popular, amenizado por algún grupo de gaitas da Guarda, que espontáneamente ceibará o ar súas notas musicais, convidando a todos a gozar dos seus compases.

Ningún comentario:

Publicar un comentario