22 de set. de 2017

A GUARDA

As melloras tecnolóxicas nos sistemas de predición meteorolóxica permitirán avaliar con maior precisión posibles riscos 

O coordinador de Meteogalicia, Juan Taboada, participou esta mañá nunha xornada sobre a evolución da previsión meteorolóxica e a súa repercusión na seguridade marítima

O alcalde de A Guarda - no centro da imaxe - cos participantes na xornada de homenaxe o Padre Baltasar Merino

Infogauda / A Guarda

 A evolución da tecnoloxía dos sistemas que se empregan para a predición meteorolóxica permitirán avaliar con maior precisión posibles riscos. Así o puxo de manifesto Juan Taboada, coordinador de Meteogalicia, que participou esta mañá nunha xornada na que se analizou a evolución dos mecanismos para realizar as previsións meteorolóxicas é, especialmente, a súa repercusión na seguridade marítima, organizada pola Organización de Palangreros Guardeses (OR.PA.GU.).  

 Sinalou que a meteoroloxía é un campo que non se podía quedar atrás nese cambio e que, grazas a esa evolución, na actualidade o desenvolvemento de tecnoloxías de observación e de cálculo permiten a que os prognósticos, como por exemplo os do mar, acaden unha precisión suficiente como para que as persoas que traballan neses medio non se enfronten a situacións de risco sen coñecemento previo da situación. Unha tendencia que se manterá no futuro, xa que prevé que os prognósticos evolucionen máis grazas aos expertos e á apredizaxe automática que aportan maior precisión.  

 Tamén destacou que para chegar ata este punto, houbo figuras como o Padre Baltasar Merino, que foi tomando medidas que permitiron coñecer a atmosfera e o medio mariño e que facilitou que os prognósticos fosen cada vez máis acertados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario