13 de set. de 2017

CULTURA

O MUSICAL "KELTIA" VOLTA A OURENSE

O vindeiro domingo, 17 de setembro, na Praza Maior da cidade

A presentación desta iniciativa cultural tivo lugar hoxe no salón de plenos do Concello de Ourense, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde e a concelleira de Cultura de Ourense, Jesús Vázquez Abad e Belén Iglesias; e os protagonistas do espectáculo, Bruxo Queiman e Andrea Pousa.  
Foto: D. OU.

Infogauda / Ourense

 A Deputación de Ourense e o Concello de Ourense fan posible co musical "Keltia" volva á provincia de Ourense, nesta ocasión será o vindeiro domingo, 17 de setembro, na Praza Maior da cidade, onde os máis de 35 artistas farán un repaso pola cultura atlántica en clave musical. A presentación desta iniciativa cultural tivo lugar hoxe no salón de plenos do Concello de Ourense, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde e a concelleira de Cultura de Ourense, Jesús Vázquez Abad e Belén Iglesias; e os protagonistas do espectáculo, Bruxo Queiman e Andrea Pousa.  

 O vicepresidente da Deputación de Ourense destacou a importancia da "cooperación" entre institucións, "a cal fai posible co vindeiro domingo, Ourense ofreza un completo programa de actividades coa celebración, pola mañá, do 33º "Día da Bici" e, para rematar a xornada, o musical "Keltia", que ofrecerá aos asistentes un espectáculo que mestura música en directo, canto, teatro, danza e lume, cunha coidada posta en escena". Asemade Rosendo Fernández lembrou que a Deputación de Ourense trouxo este musical, por primeira vez á provincia de Ourense, no marco da celebración da "Festa da Istoria" 2017".  

 Esta actuación pechará a súa xira por Galicia, desta vez cunha alusión moi importante á cidade de Ourense: "As augas termais de Ourense devolvéronlle a vida aos galaicos mortos a man dos romanos", sinalou Andrea Pousa.  

 "A fin última deste espectáculo é conxugar lecer e cultura a través dunha calidade escénica, poesía artística e música tradicional fusionada con outros recursos expresionistas presentes e vivos na chamada cultura atlántica", sinalou o alcalde de Ourense.

Ningún comentario:

Publicar un comentario