13 de set. de 2017

CULTURA

O Tesouro de Caldas formará parte da mostra que conmemora o 150 aniversario do Museo Arqueológico Nacional 

É un dos 150 conxuntos arqueolóxicos salientables do Estado que se inclúen nesta exposición

Pezas do coñecido Tesouro de Caldas
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 Esta mañá partían da área de seguridade do Sexto Edificio as pezas do Tesouro de Caldas que formarán parte da gran exposición conmemorativa do 150 aniversario do Museo Arqueológico Nacional (MAN). "Trátase dunha exposición excepcional, que reúne os conxuntos estelares da arqueoloxía" asegurou ao respecto da selección desta pezas o director do Museo, Carlos Valle. Neste sentido, o director do Museo cualificou o Tesouro de Caldas como "un dos grandes conxuntos de ourivería prehistórica de todo o oeste europeo". Mentres que o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, sinalou que "a selección destas pezas dá fe, unha vez máis, do excelente legado que custodia o Museo de Pontevedra, e que é solicitado por institucións de gran relevancia máis aló das fronteiras da nosa provincia".  

 Hai que lembrar que do coñecido Tesouro de Caldas se conserva un peite, tres vasos -dous con decoración xeométrica incisa-, vinte e oito argolas-lingote macizas, tres lingotes-barra e seis anacos dunha lámina de tiras, todo o cal superaba en orixe os vinte e cinco quilos de peso -dos que se conservan 14,9- . Para o MAN envíanse as nove pezas máis significativas do conxunto, seleccionadas entre o arqueólogo do Museo, Antonio de la Peña, e o comisario da exposición, Gonzalo Ruiz Zapatero. As nove pezas seleccionadas, todas de ouro, son dúas cuncas, unha xerra, catro aros, unha espiral e o peite. "A participación nesta mostra sírvenos para visibilizar fóra unha parte significativa do noso patrimonio, que tamén vai funcionar como polo de atracción para novos visitantes e ampliar o coñecemento sobre o Museo", engade Xosé Leal.  

 A exposición coa que o MAN celebra o 150 aniversario leva por título "El poder del Pasado" e permanecerá aberta entre o 3 de outubro de 2017 e o 1 de abril de 2018. Segundo indica a propia institución, con esta mostra pretenden sacar á luz o proceso de construción da arqueoloxía estatal, a través de 150 obxectos ou conxuntos, procedentes de 68 institucións colaboradoras e considerados verdadeiras iconas do pasado. A proposta expositiva busca plasmar unha visión xeral, actualizada e crítica da construción do pasado desde a arqueoloxía. Indican, ademais, que o comezo da vida do MAN, en 1867, así como dos museos arqueolóxicos no territorio do Estado, marcou un momento transcendental no espertar da conciencia pública sobre a importancia do pasado a finais do século XIX e comezos do XX.  

 Por último, tamén considera que os museos arqueolóxicos -basicamente a rede de museos provinciais- tiveron desde o seu nacemento unha dupla misión. Por unha banda documentar, preservar e expoñer os obxectos e restos materiais do pasado, de todos e cada un dos períodos prehistóricos e históricos, para trazar a evolución das sociedades. E por outra, presentar e compartir o coñecemento do pasado, facilitando a súa comprensión e acceso a toda a cidadanía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario