6 de set. de 2017

O ROSAL

O goberno de Carmela Silva aproba novos investimentos por valor de máis de 71.000 euros para O Rosal ao abeiro do Plan Concellos 2017 

A institución provincial leva entregado preto do 65 % do total destinado ao Rosal dentro do plan, un investimento de máis de 360.000 euros


Infogauda / Pontevedra


 A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar un novo investimento para a localidade do Rosal ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos 2017. Cun importe total situado en 71.272,05 euros, o concello da comarca do Baixo Miño poderá urbanizar a estrada da Devesa.  

 Con estas novas aprobacións, sinalou a presidenta provincial, Carmela Silva, "ata o momento xa se aprobaron máis de 360.000 euros dos máis de 556.000 que lle corresponden ao Rosal ao abeiro do Plan Concellos 2017, que supón que a porcentaxe total adxudicada ata hoxe no concello se sitúa no 64,9 %".  

 Anteriormente, O Rosal xa recibira a cantidade de 154.758,72 euros na liña 1 para equipar o auditorio municipal, o taller de carpintaría e a recollida selectiva de lixo, así como para a mellora da estrada de Couselo. Á marxe da liña 1, outros 83.453,3 euros en liña 2 para distintos gastos correntes e actividades como a Feira do Viño, a Festa do Cabaqueiro, a mostra da camelia ou a festa popular do Pilar. Finalmente outros 122.875,92 euros en liña 3 para a contratación de 14 persoas nos distintos servizos municipais desta localidade.  

 O Goberno de Carmela Silva, con estas achegas aprobadas para O Rosal, leva xa distribuídos máis de 33 millóns de euros entre os concellos da provincia, é dicir, o 80 % do Plan Concellos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario