13 de set. de 2017

OIA

O BNG COMUNICA AO CONCELLO DE OIA QUE O CONCELLEIRO XOAN LOIS VILA DEIXA DE PERTENCER AO SEU GRUPO MUNICIPAL 

Infogauda / Oia

 O Bloque Nacionalista Galego ven de comunicarlle formalmente ao concello de Oia que Xoan Lois Vila [Pinel], que até o de agora formaba parte do grupo municipal do BNG depois de terse presentado na candidatura BNG-Asembleas Abertas nas pasadas eleccións municipais, deixa de formar parte do grupo municipal da organización nacionalista.

 Segundo afirman des de o BNG “o concelleiro xa tiña manifestado nos pasados meses a súa intención de deixar de formar parte do grupo municipal do BNG e continuar como concelleiro non adscrito na corporación de Oia.

 Tras estas manifestacións solicitóuselle dende a organización do BNG que en caso de non querer seguir representando a candidatura coa que se presentou as eleccións, renunciase á acta de concelleiro para que outra persoa da candidatura asumise esta responsabilidade. 

 Tras varias conversas e ante a decisión do concelleiro de non entregar a acta nin estar disposto a traballar conxuntamente co resto das persoas que forman parte da organización, procedeuse a comunicar ao Concello de Oia que o concelleiro Xoan Lois Vila deixa de representar a partires de agora á candidatura coa que se presentou ás eleccións.   

 Dende o Bloque Nacionalista Galego explican que na organización nacionalista sempre entenden que o traballo político nas institucións é un labor conxunto e plural de todas as persoas que forman parte deste proxecto. Por este motivo consideran inasumible que un concelleiro poida seguir formando parte do seu grupo municipal sen ter contacto coa organización local e comarcal da que forma parte.  

 Pola súa banda, a Asemblea Local do BNG en Oia manifesta que manterá o seu traballo con determinación e entusiasmo na defensa dos intereses da veciñanza de Oia.

Ningún comentario: