7 de set. de 2017

OIA

Intervención arqueolóxica nas espectaculares salinas romanas descubertas este ano en Viladesuso e Mougás  

O tamaño dos xacementos fai pensar nun aproveitamento industrial máis que nunha explotación para autoconsumo
   
Salinas romanas na zoa de Lagoas, en Viladesuso (Oia)

 Patricia Muñoz Raña / Oia 

 As salinas romanas atopadas este ano no litoral das parroquias de Viladesuso e Mougás están sendo estes días obxecto dunha actuación arqueolóxica, a cal inclúe labores de escavación e prospección con vistas á súa contextualización arqueolóxica. 

 As estruturas quedaron este inverno ao aire libre polo efecto dos temporais, sendo descubertas por dous veciños de Oia: Dino Vicente, que atopou unha na zona das Lagoas (Viladesuso), e Jorge Fernández, que achou a outra no Aguncheiro (Mougás). Actualmente, a arqueóloga Mar Cortegoso dirixe unha actuación financiada pola Xunta de Galicia que ten o obxectivo de catalogar e documentar estes dous interesantes enclaves. 

 Esta intervención busca a contextualización arqueolóxica das estruturas, para a súa inclusión no inventario de xacementos arqueolóxicos de Galicia, e intenta documentar a súa adscrición cronotipolóxica: é dicir, trata de confirmar de que momento histórico e tipoloxía son. Así, estase a desenvolver unha escavación no xacemento das Lagoas e unha limpeza na do Aguncheiro, actuacións ás que seguirá unha toma de imaxes aéreas con dron para a realización dun estudo de fotogrametría.  

                        Salinas romanas na zoa de Aguncheiro, en Mougás (Oia)

 Tamén se realizará unha prospección etnoarqueolóxica para a posible localización de novos puntos entre A Guarda e Oia (que incluirá conversas con veciños) e se compilará a bibliografía existente.  

 Posible aproveitamento industrial 

 Na Asociación Costa dos Castros achegámonos a visitar os enclaves a fin coñecer a intervención arqueolóxica de primeira man. Alí, Mar Cortegoso explicounos que se trata dunhas salinas de época romana onde se poden apreciar varios tanques de salgadura que funcionarían por evaporación.  

 “É unha salina espectacular”, incidiu a arqueóloga, quen tamén nos manifestou que o grande tamaño que teñen os xacementos fai pensar en que tiveron un aproveitamento industrial e non foron explotacións para autoconsumo. 

 Sobre a zona escavada nas Lagoas concretounos que se atopa nun “magnífico estado de conservación”, pese ao seu emprazamento nunha zona de escollera e onde o mar bate con forza.  

 Divulgación 

 O equipo de arqueólogos dirixidos por Cortegoso continuará os seus traballos durante os próximos días e concluirá a campaña cunha conferencia na que divulgarán os principais resultados acadados. 

 Desde Costa dos Castros estamos moi contentos pola posta en marcha dun traballo de investigación arredor destas interesantes estruturas de época romana. O achado destas salinas vén confirmar, unha vez máis, a grande riqueza patrimonial de Oia, un municipio que atesoura elementos de patrimonio arqueolóxico de diferentes épocas (petróglifos da Idade do Bronce, varios castros da Idade de Ferro, vestixios romanos,…).

Ningún comentario:

Publicar un comentario