9 de set. de 2017

OIA

CONTA ATRÁS PARA O FESTIVAL DO REI SOL

Que se celebrará do 15 ao 17 de setembro en Oia

No caso dos talleres infantís e a andaina as prazas son limitadas, polo que cómpre inscribirse por teléfono

Representación na edición precedente do Festival do Rei Sol
Foto: Costa dos Castros

Patricia Muñoz Raña / Oia

 Comeza a conta atrás para o Festival do Rei Sol, que este ano se celebrará do 15 ao 17 de setembro en Oia cunha oferta de actividades gratuítas pensadas para tódalas idades. Teatro, charlas e narración oral, talleres infantís e unha andaina, son as diferentes propostas que inclúe este evento baseado na convivencia, a cultura e a posta en valor do patrimonio material e inmaterial.
 Os actos centrais do Festival do Rei Sol, evento que toma o seu nome dunha lenda vinculada ao castro de Cano dos Mouros (Viladesuso), desenvolveranse o domingo 17 no propio castro. Alí terá lugar unha visita guiada, unha representación teatral, a observación do solpor acompañada de música e o espectáculo Os Contos do Rei Sol, de Avelino González. Tamén haberá postos de comida e bebida, grazas á colaboración veciñal.
 Nos días previos ao domingo tamén haberá actividades culturais vinculadas co patrimonio, neste caso repartidas por diversos puntos de municipio de Oia. O venres 15 se celebrará un taller infantil de arqueoloxía e o sábado 16 haberá unha andaina e outro taller infantil, neste caso de elaboración de traxes castrexos. Ese mesmo día celebrarase a charla-coloquio titulada Pactos de Hospitalidade e colaboración na Galicia Romana, con Sonia María García García (autora da novela Toca, el oro de la Gallaecia).
Inscricións
 No caso dos talleres infantís e a andaina as prazas son limitadas, polo que cómpre inscribirse no teléfono 689 355 713.
 O festival, organizado pola Asociación Costa dos Castros xunto co Concello de Oia, e co financiamento da Deputación de Pontevedra dentro do Ano do Patrimonio; é posible grazas a implicación e participación da veciñanza e diversos colectivos de Viladesuso, nomeadamente a Asociación de Veciños, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común, A Fiada e o grupo de teatro O Mellor de Cada Casa. Con esta cita cultural preténdese fomentar a convivencia entre veciños e visitantes de Oia, poñer en valor o patrimonio local e concienciar sobre a necesidade de preservalo para as vindeiras xeracións.

FESTIVAL DO REI SOL 2017. PROGRAMACIÓN


·                   VENRES, 15 DE SETEMBRO
-19.30 horas: Taller infantil: Pequeno Laboratorio Arqueolóxico.
Prazas limitadas. Require inscrición. Centro Cultural de Pedornes.
-20.30 horas: Teatro. O que hai que ver, de Fulano, Mengano e Citano.
Centro Cultural de Pedornes. Dentro da programación de Cultura no Camiño (AGADIC).

·                   SÁBADO, 16 DE SETEMBRO
-10.00 horas. Andaina por Viladesuso.
Prazas limitadas. Require inscrición.
-17.00 horas. Taller infantil de traxes castrexos.
Prazas limitadas. Require inscrición. Centro Cultural de Oia.
-18.00 horas. Charla-coloquio Pactos de Hospitalidade e colaboración na Galicia Romana, con Sonia María García García; autora da novela Toca, el oro de la Gallaecia.
Entrada libre. Centro Cultural de Oia.

·                    DOMINGO, 17 DE SETEMBRO
Actos no castro de Cano dos Mouros (Viladesuso)*:
-18.00 horas: Visita guiada no castro.
-19.00 horas: Representación teatral a cargo do grupo O mellor de cada casa.
-Contemplación do solpor amenizada pola Fiada de Viladesuso.
-21.00 horas: Espectáculo Os contos do Rei Sol, de Avelino González.

*En caso de chuvia a festa trasladarase ao Centro Cultural de Viladesuso.

Ningún comentario: