22 de set. de 2017

TUI

A Xunta de Galicia licitará de forma inminente as obras do novo xulgado de Tui que contan cun orzamento de 2,2 millóns de euros 

Infogauda / Tui

 O director xeral de Xustiza, Juan José Martín avanzou hoxe que de forma inminente se licitarán as obras do novo edificio xudicial de Tui. Para esta infraestrutura está previsto un investimento de máis de 2,2 millóns de euros. 

 Juan José Martín compareceu hoxe no Parlamento galego, onde indicou que en xuño xa se recibiu a auditoría enerxética do edificio e esta semana chegou o proxecto básico e de execución.  

 O Plan de Infraestruturas Xudiciais aprobado pola Xunta na pasada lexislatura comprende actuacións de rehabilitación, ampliación ou nova construción e obras de mantemento e mellora nos actuais edificios de xulgados. Integra a rehabilitación do antigo centro de saúde de Tui para dedicalo á nova sede xudicial, reagrupando nela as dependencias que na actualidade están dispersas. 

 Deste xeito, segundo indicou Juan José Martín, darase unha solución integral ás necesidades de espazo xudicial da vila, garantindo incluso futuros crecementos e permitirá solventar definitivamente os problemas de espazo das sedes xudiciais de Tui. Unha vez este finalizado a rehabilitación, 25 traballadores e traballadoras se trasladarán a este edificio.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario