17 de out. de 2017

A GUARDA

“Os nomes do terror” un libro sobre os responsábeis da represión franquista  

Presentación xoves 19 ás 20:30 na Casa dos Alonso, da Guarda   



Miriam Rodríguez Fernández / A Guarda

 A Casa dos Alonso da Guarda, acolle o xoves 19 de outubro ás 20:30 h., a presentación do libro “Os nomes do terror. Galiza 1936:os verdugos que nunca existiron” nun acto no que participarán a escritora e membro do consello de administración Sermos GalizaMarga Romero;  Xosé Álvarez Castro, coautor do libro e especialista na represión franquista; Xoán Carlos Garrido Couceiro, autor e coordinador do volume;  e Xosé Manuel Méndez Díaz, mestre e membro da Comisión Cidadá pola verdade do 36 do Baixo Miño. 

 O volume recolle un extenso estudo de Xosé Álvarez sobre os represores nas comarcas de Pontevedra, nos que se fai particular mención ao papel xogado polos diferentes actores do operativo represivo.  

 Segundo sinala Xosé Manuel Méndez, representante da entidade organizadora do acto, “até agora contabamos con numerosos estudos sobre as vítimas da represión pero a realidade dos represores permanecía casi sempre agochada, con esta presentación do volume editado por Sermos Galiza sae á luz a outra parte da verdade que ficaba por coñecer. Non hai vítimas sen verdugos. A carón dun dirixente obreiro, dun alcalde como Manuel Noia paseado e mutilado en Oia, ou dun alcalde do Partido Galeguista da Guarda como Brasilino Álvarez, executado despois dun Consello de Guerra, ou dun dirixente obreiro como Nemesio Álvarez, executado nunha gabia do Porriño, despois de ser detido na Guarda, atópanse aquelas persoas responsábeis da súa execución”. 

 A publicación editada por Sermos Galiza refire diversos episodios da represión paralegal, recollendo diversos testemuños tanto documentais como orais onde se testa a participación de diversos falanxistas en accións represivas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario