10 de nov. de 2017

A GUARDA

«Manual de instrucións para educar» continúa o martes 

Cunha charla sobre intelixencia emocional 


Infogauda / A Guarda

 O ciclo de charlas «Manual de instrucións para educar» retorna o próximo martes, 14 de novembro, cun faladoiro titulado «Educar en intelixencia emocional», guiado pola psicóloga familiar María Jesús Núñez.  

 Esta segunda sesión do ciclo dedicarase ás emocións como chave para realizar unha intervención eficaz, aportando ferramentas para identificar as emocións e expresalas dende cativos. Deste xeito, acadarán un maior autocontrol e os conflitos poderán resolverse sen complicacións.  


 «Duelo infantil. O neno ante as múltiples perdas» é o título da terceira charla, que se celebrará o 28 deste mes e estará dirixida polo psicólogo Esteban Figueirido. Neste encontro, analizarase como funcionan as perdas nos cativos e cativas (dende algún xoguete ata outras de maior impacto, como a separación dos pais ou falecemento de seres queridos) para axudarnos a acompañalos mellor e evitar posibles secuelas. 

 O derradeiro encontro, o 12 de decembro, dedicarase ás «Maneiras creativas de resolver conflitos», isto é, nas distintas formas de abordar os momentos críticos “con algo de humor e creatividade”, segundo apunta Figueirido, director da charla. 

 «Manual de instrucións para educar» é unha iniciativa do Programa de Educación Familiar e a Oficina Municipal de Información á Xuventude (OMIX) da Guarda, orientada a ofrecer un espazo de reflexión e experiencias compartidas que axuden aos pais, nais e educadores/as a lograr o pleno desenvolvemento das nenas, nenos e adolescentes para facilitar a convivencia familiar. 

 Todos os encontros desta segunda edición do ciclo terán lugar na Casa dos Alonso ás 19:30 horas. Dende o Concello da Guarda animamos a todas as persoas con inquedanzas e interese educativos -sexan pais e nais, avoas e avós, educadores e educadoras, así como veciñas e veciños-  a participar nestas charlas e axudar a crear un espazo enriquecedor no que aprendamos xuntos como acadar unha mellor convivencia familiar nos fogares da nosa vila.

Ningún comentario:

Publicar un comentario