8 de nov. de 2017

A GUARDA

A Guarda conmemora o Día Internacional contra a Violencia de Xénero con actividades culturais 



Infogauda / A Guarda

 A Concellería de Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello da Guarda organizan a finais deste mes unha serie de actividades culturais con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, que se conmemora o próximo sábado 25 de novembro.  

 A programación dará comezo o xoves 23 de novembro coa proxección da curtametraxe «Lurna» no Centro Cultural ás 20:30 horas. O filme conta a historia dunha muller senegalesa que abandona o seu país na procura dunha vida mellor. Deseguido, o director da obra, o guardés Nani Matos, ofrecerá unha charla-coloquio sobre a trata de persoas.  

 O sábado 25 de novembro terá lugar na Casa dos Alonso un acto conmemorativo no que o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz, e as concelleiras da Corporación Municipal colocarán unha pancarta coa que se expresa a total repulsa por todos os casos de Violencia de Xénero. Tras o acto, que comezará ás 12:00 horas, o grupo Cinta Adhesiva realizará unha actuación poético-musical, cunha reflexión sobre a vida e as formas de actuar do ser humano. 

 Completando a programación, o sábado tamén terá lugar a representación teatral «Nacidas libres» no Centro Cultural, ás 20:00 horas. A obra relata a historia de catro actrices que deciden emprender e montar unha peza inspirándose nunha noticia aparecida nos xornais sobre tres monxas indias retidas nun convento de Santiago contra a súa vontade. O espectáculo ofrece múltiples reflexións e referencias a diversos temas vistos dende a perspectiva de xénero, tales como a desigualdade ou os condicionantes culturais, sen perder o humor.  

 A entrada será de balde ata completar as prazas dispoñibles e as entradas poderán solicitarse  a partir deste venres, 10 de novembro, no Centro Cultural ou no Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario