3 de nov. de 2017

A GUARDA

A Guarda conmemora o décimo quinto aniversario  do Prestige cunha homenaxe á «Marea Branca» 

O acto terá lugar o domingo día 19 de novembro, ás 12:30 horas, no Mirador de Fonte Quente xunto ao monumento «Homenaxe á Marea Branca»


Infogauda / A Guarda

 O vindeiro domingo 19 de novembro o Concello da Guarda celebrará unha homenaxe dedicada a todas as persoas que contribuíron á limpeza das costas galegas tras o desastre causado polo afundimento do petroleiro Prestige. 



 O acto comezará ás 12:30 horas e terá lugar no Mirador de Fonte Quente xunto ao monumento «Homenaxe á Marea Branca», da autoría de Xabier Garrido, coincidindo coa conmemoración do décimo quinto aniversario do astroso acontecemento que provocou unha vaga de solidariedade e compromiso cidadá en prol da conservación e coidado da costa de Galicia.  

 A homenaxe contará coas intervencións do alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz; un membro da organización ecoloxista Greenpeace; o ex Patrón Maior da Confraría de Baiona e voluntario da Marea Branca, Suso López; e o creador do monumento e impulsor do acto de homenaxe, Xabier Garrido.  

 Anímase ás persoas que asistan ao acto a que contribúan aportando unha pedra para completar a base de monumento, cuxo conxunto simboliza a vaga de voluntarios e voluntarias que fixeron posible a recuperación do litoral galego. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario