18 de nov. de 2017

DEPORTES

Marta Míguez destaca “a habilidade, a mocidade e a galeguidade” dunha campioa do CGTD como Tecla Cadilla Acevedo, na homenaxe realizada en Ourense pola súa medalla no europeo sub 23 

“Non temos dúbida de que Tecla chegará a ser unha gran judoka en categoría absoluta porque é unha das mellores promesas que temos no judo galego”, asegura

Tecla Cadilla Acevedo coa súa medalla de bronce acadada a pasada semana no Campionato de Europa Sub 23 disputado en Pogdorica (Montenegro)
Foto: Arquivo


Infogauda / Deportes

 A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou na xornada de hoxe na entrega de Trofeos da 15ª Edición da Liga Internacional de Judo por Clubs Trofeo ‘Cidade de Ourense’ masculino e feminino na que tamén tivo lugar a homenaxe a Tecla Cadilla Acevedo pola súa recente medalla de bronce acadada no Campionato de Europa Sub 23 disputado en Pogdorica (Montenegro).

 A responsable da carteira de Deporte salientou “a habilidade” da judoka da Guarda e a súa “mocidade”, referendadas ambas por todos os éxitos conseguidos nas categorías júnior e Sub 21. “Non temos dúbida de que Tecla chegará a ser unha gran judoka en categoría absoluta porque é unha das mellores promesas que temos no judo galego”, engadiu.  

 Así tamén destacou “a galeguidade dunha deportista que leva a nosa bandeira alí onde compite, alzando á Galicia aos primeiros banzos dos podios internacionais”. Do mesmo xeito, Marta Míguez fixo referencia á súa condición de becada interna no Centro Galego de Tecnificación Deportiva que demostra que “o sistema de alto rendemento de Galicia funciona á perfección e que contamos cun centro de referencia no que os mellores especialistas axudan aos nosos mellores deportistas”.  

 Tras repasar todos os efectos positivos que ten o judo para quen o practica, “especialmente nas idades máis temperás”, Marta Míguez felicitou a Tecla Cadilla pola medalla acadada e agradeceu todo o traballo realizado por Galicia, ao tempo que animou á judoka a continuar “traballando neste camiño do deporte e do esforzo para que podamos celebrar xuntos novos éxitos que, a súa vez, xeren unha sociedade máis igualitaria e máis activa”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario