10 de nov. de 2017

PEDORNES (OIA)

XXXI SEMANA CULTURAL DE PEDORNES 

Do 13 ao 18 de novembro, no Centro Cultural



Manuel Ángel Pombal Diego / Pedornes

 Co cambio de hora anoitece moi cedo e refrescan as noites, pero en Pedornes (concello de Oia) chega a festa e a ledicia coa agardada programación da súa Semana Cultural que organiza a Asociación Cultural "San Mamed" no Centro Cultural da citada parroquia. Este ano celébrase desde o luns 13 hasta o sábado 18 deste mes e alcanza a edición número XXXI; trátase, pois, dun evento de longa tradición e moi boa acollida tanto polos veciños como polos que estes días nos visitan. Contamos, ademais, coa colaboración e axuda da Asociación Costa dos Castros e da Asociación de Veciños “A Muruxeira”, esta última tamén de Pedornes. Por outra banda, unha parte do orzamento está cuberto polo Concello de Oia, a Deputación de Pontevedra e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da propia parroquia. 

 Como en edicións pasadas, o programa abrangue un amplo abano de actividades, case todas aptas para todos os públicos (e abertas a todo o mundo), estando aquelas que comezan ás 17.30h especialmente dirixidas aos máis cativos, mentres que as organizadas a partires das 18:00 ou 19.00 h, dependendo dos días,sexan tamén do agrado (e conten coa participación) de adolescentes e adultos. 

 Sinopse do programa  

 Entre as actividades para os máis pequenos, este ano hai debuxo e pintura, modelaxe con barro, un taller arqueolóxico, unha película infantil e un obradoiro de xoguetes populares.  

 De luns a venres temos varias proxeccións con temáticas variadas e de rabiosa actualidade na maioría dos casos. Comezamos co documental “O monte é nosso” de Llorenç Soler (1978), continuamos coa gravación da UVigotv da charla “Tráfico de refuxiados no Mediterráneo” de Jaime Cárdenas e seguimos cunha proxección sobre Pedornes e as súas xentes elaborada por Chicho, veciño da parroquia, e gravada no ano 1978 en “Super 8”, agora pasada a DVD. O valor desta gravación é incalculable, devolvendo á memoria da xente de maior idade a realidade da nosa parroquia fai case 40 anos. O xoves haberá una charla e unha proxección audiovisual dentro do programa “Cinema e muller” da Deputación de Pontevedra, rematando o venres con dous documentais “Mareas vermellas” e “O Choco de Redondela”, feitos e dirixidos por dous galegos, Manuel E. Garci e Jorge H. Urcera.  

 Todos os días celébrase algún campionato, incluíndo tenis de mesa e damas (luns), chinchimoni e escoba (martes), dominó (mércores), tute e parchís (xoves), futbolín (venres), e xogo da rá (sábado). Ademais, o venres teremos o tradicional concurso/degustación de doces caseiros típicos da sobremesa, contando coa animación do grupo “Ventiscas do Peirado” de Pedornes. De seguido, procederemos a preparar (“escunchar”) os 200 kg de castañas que serán degustadas ao día seguinte e remataremos a xornada cunha “chocolatada” para todos os colaboradores.  

 En relación co rico patrimonio etnográfico da contorna, o sábado, día grande da programación, hai unha excursión guiada pola parte da Ruta Máxica de Oia que transcorre pola parroquia, con saída ás 10:30 h desde o Centro Cultural de Pedornes. A Pousadela, Outeiros do Morouzo, O Viveiro, e Alto do Visiño serán algúns dos emblemáticos lugares a visitar. Xa pola tarde, ás 18:30 o grupo de teatro “Os Mellores do Ghrupo” de Santa Mª de Oia representarán a obra “A Idade do Pavosaurio”, unha obra moi entretida onde as gargalladas están aseguradas.   

 A continuación terá lugar a XXXIV Festa do Magosto con castañas asadas, viño tinto e refrescos totalmente gratis para todos os asistentes. Este ano, contamos coa participación dun grupo de mozos da Guarda, Perseide, que está sendo toda unha revelación, e do grupo de gaitas “A Fiada” de Viladesuso ao que se arrimarán un grupo de amigos para animar unha gran noite de foliada.   

 Tamén contaremos con servizo de cantina, incluíndo o sábado bocadillos a prezos populares. Así mesmo, haberá unha carpa para gozar da festa independentemente das condicións climatolóxicas. 

 Non queremos rematar esta nota sen antes agradecer, de xeito moi especial, o gran apoio que os organizadores estamos a recibir (e seguro que seguimos recibindo) por parte dos veciños de Pedornes e a súa contorna, así como a todos aqueles que dunha ou doutra forma participan desinteresadamente aportando o seu traballo e o seu tempo para facer posible unha nova edición da Semana Cultural de Pedornes. 

 Animamos, pois, a toda a veciñanza a participar activamente nas actividades programadas. Pola súa longa tradición, esta próxima semana será, sen dubida, de moita festa na parroquia de Pedornes. Agardámosvos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario