1 de dec. de 2017

A GUARDA

O Concello da Guarda da a coñecer a completa Axenda de Nadal 2017  

O Concello da Guarda deu a coñecer hoxe a Axenda de Nadal 2017, que vén cargada de actividades de todo tipo para desfrutar destas datas en familia  

Elena Baz Rodríguez e Antonio Lomba Baz, presentaron á Axenda de Nadal, 2017
Foto: C. A. G.

Infogauda / A Guarda

 Como ven sendo habitual, o Concello da Guarda presentou a nova Axenda de Nadal 2017, que abarca a programación que se poderá desfrutar na Vila durante as próximas semanas e ata o venres 5 de xaneiro.  

 O Nadal guardés comezará oficialmente co acendido do alumeado o martes día 5 de decembro, ás 20:30 h., na Praza do Reló, nun evento no que contaremos con música, baile, photocall, visita de personaxes infantís e algunha sorpresa máis.  

 Por tratarse de datas moi sinaladas para os máis cativos, eles son os verdadeiros protagonistas desta Axenda: deixarán aflorar a súa creatividade nos obradoiros de decoración infantís e no concurso de pintura que organiza AGUDE. Pola súa parte, o Centro Cultural abrirá as súas portas para que gocen das tardes co espectáculo “Os fabulosos Cleaners” o mércores 27 de decembro e do “Cinema de Nadal” coa proxección das películas “Vaiana” e “Canta” o xoves 28 de decembro e o mércores 3 de xaneiro, respectivamente. E ademais, os nenos e nenas da Guarda recibirán a visita de Papa Noel de AGUDE o domingo 17 de decembro no Casino-Alameda, da Apalpadora o 30 de decembro na Casa dos Alonso e dos Reis Magos coa tradicional cabalgata o 5 de xaneiro.  

 Para os adultos e as familias tamén haberá diferentes plans: o sábado 2 de decembro a Papanoelada moteira, organizada polo Concello e AGUDE, percorrerá a Vila para rematar cun chocolate de balde para todos no Porto. Por outro lado, consolídase o teatro para adultos nestas datas, así como as citas musicais da man dos diferentes festivais que se celebrarán ó longo destas semanas (Festival do Nadal da Fundación As Samaritanas, o de Panxoliñas, o do Conservatorio Municipal e o de Pandereteiras), xunto o concerto solidario que a orquestra Panorama ofrecerá a favor das asociacións Conrazones e San Vicente de Paúl, e as mañás de “Música na rúa”, acompañadas de chocolatada na Praza de Abastos o 28 de decembro  e o 4 de xaneiro. E os avós da Residencia Santa Trega recibirán ós Reis Magos o xoves 4 de xaneiro pola tarde.  

 O Concello da Guarda agradece ás diferentes asociacións e colectivos de comerciantes a súa implicación na decoración de Nadal das rúas e prazas, a través da boa acollida da iniciativa “Decora o teu Nadal”. Grazas a todos eles, e aos veciños que colaboraron, a Vila encherase nestes días cos adornos de Nadal elaborados nos obradoiros e polas propias asociacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario