06/12/2017

A GUARDA

A Praza de Abastos «vístese» de Nadal grazas ao traballo conxunto dos praceiros 

Na imaxe algúns dos praceiros participantes no obradoiro de Nadal orientado á decoración da Praza de Abastos
Fotos: C. A. G.

Infogauda / A Guarda

 O Concello da Guarda promoveu dende mediados de novembro un obradoiro de Nadal orientado á decoración da Praza de Abastos por parte dos propietarios dos establecementos, co obxectivo de ofrecer unhasinal de identidade propia do mercado guardés e favorecer a colaboración e o traballo en común. 


 O taller, coordinado por unha empresa local de formación e informática, constou de cinco sesións formativas guiadas pola asesora en escaparatismo e formadora Patricia Maquieira Franco, nas que participaron boa parte dos praceiros guardeses. Así, as persoas participantes dedicaron un total de 8 horas á planificación e elaboración de diversos obxectos de decoración centrados na temática propia do Nadal, namentres durante a mañá do martes, 5 de decembro, procederon á colocación dos deseños para goce dos veciños. 

 Guirnaldas, árbores e mesmo un photocall, entre moitos outros obxectos decorativos, poden verse e desfrutarse dende onte e ata o remate do Nadal, alegrando os postos e os espazos comúns da Praza de Abastos da Guarda.

Ningún comentario: