14 de dec. de 2017

GALICIA

Feijóo avanza a ampliación da Tarxeta Benvida ata os 3 anos para as familias con rendas inferiores a 22.000 euros 

Prevese que a Tarxeta Benvida chegará, nos seus primeiros dous anos de vida, a unhas 30.000 familias galegas

Alberto Núñez Feijóo,presidente da Xunta de Galicia


Infogauda / Galicia

 O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, tras a reunión do Consello da Xunta, que o Goberno galego vai estender o apoio ás familias que teñan fillos ampliando a Tarxeta Benvida ata os 3 anos para as rendas inferiores a 22.000 euros.  

 Deste xeito, manterase durante o primeiro ano de vida do neno cos mesmos criterios que ata agora coa novidade de que se ampliará ata que cumpra tres anos no caso das familias que máis o precisan.  

 Para iso, o Consello da Xunta vén de autorizar un investimento duns 36 millóns de euros.  

 Deste xeito, durante o primeiro ano de vida do neno, a Tarxeta Benvida terá o mesmo importe que ata agora: 1.200 euros (100 euros ao mes) que pasarán a distribuírse nun ou dous pagamentos anuais.  

 Segundo detallou o titular do Goberno galego, poderán acceder a ela os pais naturais ou con cativos en adopción ou garda con fins adoptivos cuxa renda anual familiar sexa inferior aos 45.000 euros ou menor de 13.500 euros per cápita.  

 Durante o segundo e terceiro ano de vida do neno, poderán acceder á axuda aquelas familias cunha renda anual igual ou inferior a 22.000 euros. As contías serán de 600 euros anuais para o primeiro fillo; 1.200 anuais para o segundo; e para o terceiro e sucesivos 2.400 anuais. Nestes casos, as achegas realizaranse en pagamentos anuais sucesivos. 

 Ademais, esta axuda tamén se abrirá ás familias galegas que residan no exterior e decidan retornar a Galicia no 2018. Neste senso, Feijóo explicou que aínda que o fillo naza antes do retorno, o prazo de dous meses para solicitar a Tarxeta comezará a partir do seu regreso, non a partir do nacemento do neno.  

 Feijóo lembrou que a Tarxeta Benvida está destinada a atender os gastos que supón ampliar a familia, como a compra de alimentos infantís, produtos de hixiene ou de farmacia, entre outros.   

 Tras esta ampliación, o máximo responsable autonómico estima que a Tarxeta Benvida será percibida por 8 de cada 10 familias galegas con fillos pequenos. Cada ano, uns 15.000 nenas e nenos se beneficiarán desta axuda, igual que nestas dúas últimas anualidades e estímase que 9.000 delas poidan recibila ata que se cumpran os tres anos. 

 Segundo lembrou Feijóo, grazas á Tarxeta Benvida beneficiáronse 14.878 persoas en 2016 e 12.291 no que levamos de 2017, a falta de tres meses para que se poidan coñecer os datos definitivos. Neste senso, agárdase que, unha vez remate o prazo, a cifra de solicitudes sexa similar á de 2016, polo que a Tarxeta Benvida chegará, nos seus primeiros dous anos de vida, a unhas 30.000 familias galegas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario