14 de dec. de 2017

OURENSE

O libro de In tempore sueborum, 500 páxinas dun fito na historiografía sobre o mundo suevo

· O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe o catálogo da exposición, que se inaugura mañá, "un traballo didáctico e de investigación histórica sobre o evento cultural máis importante da provincia de Ourense".  

· A exposición, organizada pola Deputación de Ourense -a máis importante de Europa sobre o reino suevo-, conta desde hoxe cunha publicación en tres idiomas: galego, castelán e inglés "que deixa constancia desta mostra, na que por primeira vez se poden contemplar 262 pezas procedentes de 39 museos de 10 países e en cuxo catálogo participaron 60 investigadores", afirma Manuel Baltar.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto aos coordinadores da publicación Jorge López Quiroga –comisario da exposición- e Artemio Martínez
Foto: D. OU.

Infogauda / Ourense

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" o catálogo da mostra In tempore sueborum, que se inaugura mañá venres, un libro que marca un fito na historiografía sobre o mundo suevo. Baltar dixo que a publicación "é un traballo didáctico e de investigación histórica sobre o evento cultural máis importante da provincia de Ourense". 

 Desta maneira, a exposición, organizada pola Deputación de Ourense -a máis importante de Europa sobre o reino suevo-, conta desde hoxe cunha publicación en tres idiomas: galego, castelán e inglés "que deixa constancia desta mostra, na que por primeira vez se poden contemplar 262 pezas procedentes de 39 museos de 10 países e en cuxo catálogo participaron 60 investigadores", afirmou Manuel Baltar. 

 Xunto aos coordinadores da publicación Jorge López Quiroga –comisario da exposición- e Artemio Martínez, o presidente da Deputación expresou que a capital do reino suevo, Ourense, "abre mañá as súas portas en tres espazos expositivos: o Centro Cultural "Marcos Valcárcel", a igrexa de Santa María Nai e o Museo Municipal para que ourensáns e visitantes poidan gozar dunha magna exposición, a mais importante realizada na nosa provincia, que nos sitúa á vangarda neste ámbito cultural".  

 Ademais do catálogo, no acto presentouse a páxina web da mostra, na que se inclúe toda a información sobre a exposición e o catálogo en versión dixital. Xunto ao libro tamén se editará o volume de estudos desta mostra, que protagonizan 60 autores de 14 nacións, e que completa o catálogo, "ofrecendo unha visión en diferentes aspectos desa época a cargo dos máis destacados especialistas neste ámbito do mundo artístico e cultural", comentou Baltar. Así mesmo, o presidente da Deputación de Ourense anunciou que ademais desta publicación haberá outra que recollerá todo o relativo "aos preparativos, o desenvolvemento e o éxito desta exposición".  

 Referente en Europa  

 Jorge López Quiroga destacou que o catálogo "constitúe unha referencia porque non existe na historiografía actual un volume que recompile tal elenco de pezas desta cronoloxía vinculado a esta temática", e engadiu que con esta publicación "a Deputación de Ourense ponse ao nivel das grandes entidades de ámbito europeo no que atinxe a publicacións destas temáticas históricas". "O catálogo está organizado nos tres bloques temáticos que corresponden cos tres espazos expositivos, cun texto introdutorio didáctico, tanto para especialistas como para o público en xeral", explicou Artemio Martínez.  

 A publicación, ao longo das súas 552 páxinas, axudará ao lector a comprender mellor a realidade dos suevos, a súa organización e as relacións cos romanos. Nas súas páxinas será posible consultar os datos científicos de tódalas pezas expostas, e converterase nun instrumento de referencia tanto para investigadores como para o público en xeral que estea interesado nesta época da historia.  

 A mostra In tempore sueborum fai un percorrido polo tempo dos suevos na Gallaecia (411-585), o primeiro reino medieval de occidente, situado en Ourense, reunindo 262 obxectos proceden museos de 10 países: España, Portugal, Austria, República Checa, Hungría, Eslovaquia, Polonia, Bélxica, Francia, Alemaña. Na elaboración das fichas do catálogo participaron 60 autores de 10 países, e no volume de estudos participaron 50 autores de 14 países. A exposición, que se inaugura mañá ás 12.30 horas no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", recolle elementos de alto valor histórico e artístico, entre os que destacan xoias e pezas ornamentais dunha princesa sueva, e diversos utensilios e figuras artísticas en ouro, prata, bronce, vidro, madeira e ámbar, así como material funerario.

Ningún comentario:

Publicar un comentario