06/12/2017

TOMIÑO / VILA NOVA DE CERVEIRA

TOMIÑO E CERVEIRA ORGANIZAN UN OBRADOIRO PARA ANALIZAR DISTINTAS EXPERIENCIAS DE COOPERACIÓN TRANSFRONTEIRIZA 

A ACTIVIDADE TERÁ LUGAR O VINDEIRO 13 DE DECEMBRO DE 15.00 A 17.00 HORAS NA BIBLIOTECA MUNICIPAL DE VILA NOVA DE CERVEIRA

Biblioteca Municipal de Vila Nova de Cerveira
Foto: C. T.

Infogauda / Tomiño / Vila Nova de Cerveira

 Ao abeiro do proceso do Orzamento Participativo Transfronteirizo 2018, incluído na Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira, o vindeiro 13 de decembro organízase no concello luso un obradoiro no que se analizarán distintas experiencias de democracia participativa e cooperación transfronteiriza. 

 Trátase dunha tarde de traballo na Biblioteca Municipal de Vila Nova de Cerveira á que está invitada toda a cidadanía de ambos os dous municipios e na que se realizarán dúas mesas redondas na que participarán ata seis expertos que contarán as súas experiencias en distintos proxectos.  

 Deste xeito, a sesión comezará ás 15.00 horas cun acto de benvida no que participará a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e a concelleira da Cámara Municipal de Cerveira Aurora Vilaes. A primeira mesa redonda centrarase no papel do Valedor do Pobo na participación pública e nela intervirán a Valedora do Pobo de Galicia, Milagros Otero, e as valedoras transfronteirizas Cerveira-Tomiño Zara Pouza e María de Lurdes Cunha.  

 A segunda parte do taller centrarase nas experiencias de participación pública e cooperación transfronteiriza e contará coa presenza do profesor da Universidade de Santiago de Compostela Juan Manuel Santamanina e cos membros da OPT Amizade Cerveira-Tomiño Elisabet de Santiago, que presentará un balance da primeira edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo, e de Sónia Antunes, que presentará os proxectos para 2018.  

 A xornada pechará as súas portas ás 17.00 horas cunha degustación de doces de ambos os dous municipios e coa actuación do Coro Infantil de Tomiño e do Coro Infanto-Xuvenil de Cerveira.  

 O Orzamento Participativo Transfronteirizo é un proxecto pioneiro na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que busca implicar á poboación de Cerveira e Tomiño na procura de solucións para necesidades comúns. Está incluído na Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira, proxecto cofinanciado ao 75% polo Programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.

Ningún comentario: