14 de xan. de 2018

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

260 COMENSAIS DISFRUTARON NA XXI LACONADA PALETADA DE SAN AMARO

Organizada pola Xunta Reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos

Esa foi a formidable imaxe de onte no salón do Hotel El Molino, co gallo do xantar da Laconada Paletada organizado pola Xunta Reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos
Fotos: José Fernando Martínez Martínez

Ricardo Rodríguez Vicente / Camposancos

 Co pano de fondo do magnífico concerto de jazz que tivo lugar na noitiña do venres día 12, na Casa Cultural da Comunidade de Montes de Camposancos, coa Banda Daniel Casares Trío; e co estourar dos foguetes e o ritmo dunha treboada miñota tradicional, o sábado día 13 de xaneiro de 2018, os veciños da parroquia de Camposancos, erguéronse dispostos a celebrar, co gallo da festividade de San Amaro, a primeira romaría do ano, que desde fai 21 anos consecutivos ten como aglutinante socio cultural e gastronómico a Laconada Paletada, que organiza á Xunta Reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos.

Camposinos, guardeses e veciños da bisbarra do Baixo Miño, compartiron a ledicia da Laconada Paletada

 A xornada comezou como dixemos, coa actuación da Treboada Os Terribles, de Tomiño - continuadores das lexendarias treboadas miñotas, auténtico patrimonio inmaterial da bisbarra do Baixo Miño -, que percorreu o pobo de Camposancos o son da percusión - cos bombos de mallada, caixas e tambor - e das gaitas de foles, compartindo á impronta do noso folclore popular, que certamente compre salientar, porque forman parte das nosas raíces tradicionais.


                              A Treboada Os Terribles percorrendo os barrios de Camposancos
A Treboada Os Terribles na terraza do Hotel El Molino, de Camposancos

 A Treboada Os Terribles levou tamén súa ledicia e seus sons ata o Hotel El Molino, onde tivo lugar a XXI Laconada Paletada, evento gastronómico no que participaron 260 comensais. 

 No amplo e acolledor salón comedor do restaurante do devandito hotel - situado a carón da praia do Forte, coñecida popularmente como praia do Muiño -, rexentado pola familia Fernández Pérez, os comensais disfrutaron de un tradicional xantar, baseado nun contundente cocido galego, con tódolos seus ingredintes, entre os cales, como é costume, houbo lacón e paleta, chourizos,..., e por suposto, garabanzos, patacas do país, verdura,... Para acompañar esas saborosa viandas, viños galegos, refrescos, auga, sobremesas,...

 "A comida excelente!",  dixo a este cronista, José Fernando Martínez Martínez, presidente da Xunta Reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos.

Juan Bande, Mario Baró, Tere de Barbela, e Raquel Rodríguez, na súa actuación

 "Despois do xantar, Mario Baró e Tere, de Barbela, acompañados de Juan Bande e a súa dona Raquel Rodríguez, demostráronnos a súa arte co acordeón. Unha sorpresa mui aplaudida. Mario ata se atreveu con un solo. Espontáneamente un grupo de mulleres se puxeron tras eles e fixeron coro. Foi moi doado.

 E logo o Grupo Nostalgias amenizou o baile. E as sete e media da tarde foi servido un caldo e rosquillas (...)". Así resumiu para este xornal dixital, José Fernando Martínez Martínez, o desenvolvemento da recta final desta edición da Laconada Paletada, que acertadamente organizan os comuneiros de Camposancos, facendo deste evento todo un referente ineludible no calendario gastronómico da bisbarra miñota.

 Compre salientar que o vindeiro sábado día 20 de xaneiro, ás 20:00 h., na Casa Cultural, haberá unha suxerente actuación do Grupo de Saxos da Agrupación Musical do Rosal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario