21 de xan. de 2018

GOIÁN

GOIÁN CELEBRA O SEU TRADICIONAL ENTROIDO CON DESFILE, CARREIRA DE CARRETILLAS, SOPA E VERBENA 

CONTA CADA ANO CUNHA GRANDE AFLUENCIA DE PARTICIPANTES E ESPECTADORES 

O martes día 13 de febreiro, Goián volve a ter outro dos pratos fortes do Entroido: o tradicional desfile de carrozas e comparsas pola Avenida Ordóñez
Fotos: Infogauda

Infogauda / Goián 

 Goián xa está a prepararse para celebrar o seu tradicional Entroido do 10 ao 14 de febreiro, cunha programación que un ano máis terá desfile, carreira de carretillas, verbenas e sopa como protagonistas principais. 

 Organizado pola Asociación de Entroido de Goián en colaboración co Concello de Tomiño, a Deputación de Pontevedra e a Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Goián, cada ano este evento reúne a unha grande afluencia tanto de participantes como de público, que se achega ata a zona para desfrutar duns días de música, troula e disfraces.  

 A festa comezará o sábado día 10 de febreiro ás 09:30 horas cos veciños e veciñas da zona acompañando á banda de gaiteiros percorrendo as rúas da parroquia para ‘facer a pedida’ e recoller alguns dos productos que se empregarán ao longo dos cinco días de celebración.  



 O domingo chegan algúns dos pratos fortes do Entroido goianés: pola mañá, ás 12:00 horas, desfile de disfraces cos nenos e nenas pola zona, e pola tarde música con O Trebón dos Xidos e, a partir das 17:00 horas, a VIII Carreira de Carretillas, que rematará con premios á carretilla mellor tuneada ou aos condutores mellor disfrazados, entre outros. Xa pola noite, ás 22:30 horas, chega o tempo da verbena cos grupos América e Xacobeo e, á 01:00 da madrugada, reparto de premios aos mellores disfraces.  

 O día 12 continúa a celebración do Entroido coa verbena nocturna a cargo de Jerusalén e Aramio. 

 O martes día 13 de febreiro Goián volve a ter outro dos pratos fortes do Entroido: o tradicional desfile de carrozas e comparsas pola Avenida Ordóñez, que cada ano reúne a centos de persoas para desfrutar dunha tarde de música e risas. Ao remate do desfile, a organización repartirá sopa entre todos os asistentes, tanto participantes como público. 

 Pola noite, ás 21:00 horas, haberá de novo verbena amenizada por Nevada Band.  


 A celebración do Entroido rematará o mércores día 14 co tradicional Enterro da Taíña, con pasarrúas e fogos artificiais. Ademais, durante toda a semana o público poderá gozar da música da treboada Baixo Miño e o torreiro dos festexos estará cuberto baixo unha gran carpa para facer fronte ao posible mal tempo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario