11 de xan. de 2018

SALCEDA DE CASELAS

SANTIAGO RODRÍGUEZ DAVILA (VOCEIRO DO PP EN SALCEDA): “BESADA SEGUE SEN PODER DEMOSTRAR CON DOCUMENTOS OFICIAIS ÓNDE ESTÁN OS CARTOS DOS SALCEDENSES   

· Os Populares de Salceda de Caselas acusan a Besada de impedir que a Comisión Informativa emitise un dictame sobre o Caso Auditorio  

· A Comisión estivo marcada polas contínuas contradicións entre o Alcalde e a Concelleira de Cultura e as evasivas de Besada a profundizar no asunto

Santiago Rodríguez Davila, voceiro do Partido Popular de Salceda de Caselas

Infogauda / Salceda de Caselas

 O pasado venres día 5 de xaneiro tiña lugar a Comisión Informativa Especial sobre os cartos cobrados ós veciños e ás veciñas por tres actuacións no Auditorio Municipal no ano 2016 e que non foron ingresados nas contas do Concello polo Goberno Municipal de Marcos Besada; una comisión que fora solicitada no Pleno Extraordinario do pasado mes de novembro polos populares de Salceda de Caselas.   

 Tal e como afirma o voceiro do Partido Popular de Salceda de Caselas, Santiago Rodríguez Davila “dita Comisión tiña lugar despois dos reiterados vetos de Besada ós intentos dos populares por esclarecer o acontecido, da imposibilidade do mesmo para demostrar con documentos oficiais ónde están os cartos e, despois de que a Sra. Interventora Municipal veña de emitir un informe claro e contundente no que se espeficica “Revisada a contabilidade correspondente ao exercicio 2016, non consta na aplicación orzamentaria 34902 dereito recoñecido e/ou ingreso correspondente as actuacións mencionadas”.   

 Segundo explica Santiago Rodríguez Davila, a Comisión estivo marcada tanto polas contínuas negativas do alcalde a tratar o tema en profundidade coma polas contradicións entre o mesmo e a concelleira de Cultura, Teresa Pérez: “A Concelleira lía no Pleno do pasado 2 de xuño unha copia dun contrato que, segundo explicaba,  o Concello asinara cun dos intérpretes convidados. Pois ben, ó preguntarlle polo contrato na Comisión do venres, o Alcalde negaba a existencia do mesmo… Se Teresa afirmaba que si, porqué o alcalde a desminte agora? Se non hai nada que esconder e o prodecemento seguido foi o correcto, porqué estas contradicións?”   

 Ademais, os populares solicitaron ó alcalde “a comparecencia dos funcionarios que traballaron na venda das entradas e recadación dos cartos co fin de esclarecer o procedemento”, mais Besada negouse por completo.           

 Asemade, solicitaron a comparecencia dos grupos que actuaron e o responsable da empresa que supostamente asinou un contrato co Concello, “unha vez máis, a negativa por resposta do alcalde deixa en evidencia que non teñen interese en que se siga a falar do asunto, que non poden demostrar legalmente onde foron parar os cartos”.   

  “Como ven sendo habitual - continúa Davila -, Besada amosou unha actitude dictatorial e inquisidora durante a Comisión ó saltarse o procedemento establecido no artigo 124 do ROF, impedindo que se cumprise o fin para o que a Comisión foi creada, a emisión dun dictame ou informe sobre o asunto que tratamos.   

 Por outra parte, como voceiro do Grupo Popular, quero amosar o noso malestar co Partido Socialista pola actitude amosada, xa que non fixeron nada durante a Comisión para que se emitise dito dictame e se informase ós veciños sobre o asunto en cuestión”   

“A única vía que nos deixa Besada despois do acontecido o pasado venres é a xudicial. Nos últimos sete meses, intentamos por activa e por pasiva que o Goberno demostrase ónde están os cartos. Antes de tomar medidas, esgotamos a vía política, mais o que non podemos permitir é que se xogue cos cartos dos veciños e das veciñas. Non será por falta de oportunidades”, remata Davila.

Ningún comentario:

Publicar un comentario