22 de feb. de 2018

MOVEMENTOS SOCIAIS

CONCENTRACIÓN POLO REXEITAMENTO Á NOVA ZONIFICACIÓN ESCOLAR EN VIGO

Este venres 23 de febreiro, ás 19:00 h., na farola de Urzáiz (Vigo)



 O pasado mércores 21 de febreiro, tivo lugar unha reunión entre a Permanente da Xunta de Persoal Docente (as organizacións sindicais que representan ao profesorado do ensino público) e a Xefatura Territorial de Educación, para falar da proposta de zonificación de Vigo. 

 A Xefatura Territorial de Educación anunciou na Comisión Permanente da Xunta de Persoal Docente que a nova zonificación escolar de Vigo non se implantará para o próximo curso escolar 18-19, como así o demandaba a CIG-Ensino e toda a comunidade educativa de Vigo. 

 Este anuncio pode propiciar a apertura dun diálogo real se a Xefatura Territorial amosa a correspondente vontade. Para a CIG-Ensino, a reunión de hoxe foi meramente informativa, presentando as conclusións do documento de traballo da comisión técnica, pero sen aportar os datos coa que esta traballa. As OOSS presentes non recibimos o documento completo en ningún momento. 

 A zonificación afecta en primeira instancia ás familias, polo que debe ser consultada co Consello Escolar Municipal, no que todos os sectores están representados. 

 Contra o que di a Xefatura Territorial, a Xunta de Persoal Docente si considera que é competente neste tema, pois, ao ordenar os procesos de admisión e matrícula do alumnado, afecta claramente aos centros e postos de traballo do profesorado. Así, ademáis de na forma en que se desenvolveu ata agora o proceso, a CIG-Ensino ve problemas: no deseño das zonas, falta de solucións que fomenten o ensino público, ausencia de previsión de necesidades (Navia), aplicación desigual dos criterios enunciados, ausencia destes e demáis informacións para a análise das adscricións, alumnado repetidor, transportado...  

 Para instar a este necesario diálogo, a Comunidade Educativa de Vigo convoca para este venres 23 de febreiro, unha concentración ás 19:00 h. na Farola de Urzaiz para reclamar diálogo real e consenso na nova zonificación.

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario