21 de feb. de 2018

TURISMO

A Xunta de Galicia presenta en Vigo o proxecto de sinalización e mellora do Camiño Portugués da Costa que revalorizará este itinerario 

Nava Castro e Ignacio López-Chaves expuxeron as actuacións de mellora previstas para este ano nesta ruta xacobea ao seu paso polo termo municipal de Vigo

Os traballos, cun investimento global de máis de 700.000 euros, beneficiarán a peregrinos e veciños dos sete concellos da provincia de Pontevedra polos que discorre este Camiño, recoñecido oficialmente grazas a Lei do Patrimonio Cultural  

“Damos un novo paso na protección e conservación de todas as rutas xacobeas”, declarou a directora de Turismo, que sinalou o intenso crecemento desta variante

A directora de Turismo, Nava Castro, e o delegado territorial de Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves, presentaron hoxe o proxecto de sinalización e mellora do Camiño Portugués da Costa ao seu paso por este municipio. 

Infogauda / Vigo

 A directora de Turismo, Nava Castro, e o delegado territorial de Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, presentaron hoxe o proxecto de sinalización e mellora do Camiño Portugués da Costa ao seu paso por este municipio. Está previsto que a actuación se realice durante este ano como parte do cronograma do Plan director do Camiño de Santiago, que centra os investimentos en 2018 neste itinerario xacobeo e no Camiño Portugués, as dúas rutas que entran na provincia de Pontevedra a través do país veciño. 

 O proxecto global, actualmente na súa fase de licitación, conta cun investimento superior aos 700.000 euros, o que permitirá acometer toda unha serie de melloras, beneficiando aos peregrinos e á veciñanza, no propio termo municipal de Vigo e no resto de concellos do Camiño Portugués da Costa: A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona, Nigrán e Redondela.  

 “Damos un novo paso na protección e conservación de todas as rutas xacobeas”, declarou Nava Castro, que lembrou que o Camiño Portugués da Costa foi oficialmente recoñecido en 2016 grazas á aprobación da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia impulsada pola Xunta.  

 Esta actuación servirá para revalorizar, promover e revitalizar o Camiño Portugués da Costa, que non deixa de medrar desde a súa aprobación. De feito, en 2017 o percorreron case 7.500 peregrinos, fronte os 2.600 do 2016. Suporá unha mellora substancial na sinalética, que quedará adaptada á normativa vixente e ao trazado provisional previsto en dita lei.  

 Coordinación cos concellos 

 A presentación do proxecto en Vigo tivo lugar despois de que a proposta fora xa trasladada o pasado mes de novembro á Mesa do Camiño de Santiago na provincia de Pontevedra, onde están representadas as diferentes administracións implicadas na ruta. Ademais, este mesmo mes mantivéronse dúas reunións cos concellos do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa, onde cada concello puido recibir o proxecto concreto do seu municipio.  

 O procedemento aplicado co Camiño Portugués de Costa e co Camiño Portugués segue o modelo desenvolvido nos últimos anos co Camiño do Norte, co Camiño Primitivo, co Camiño Inglés e co Camiño de Fisterra e Muxía, os anteriores traballos no Plan director do Camiño.  

 A maiores do proxecto de sinalización, ao longo deste ano impulsaranse nestes itinerarios accións divulgativas, de promoción, programas de dinamización cultural ou exposicións.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario