24 de mar. de 2018

A GUARDA

A FORTALEZA DE SANTA CRUZ, ACOLLE A EXPOSICIÓN "NADO EN PEDRA", DA ESCOLA DE CANTEIROS DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

· A mostra ó ar libre permanecerá na fortaleza guardesa ata o vindeiro 2 de maio 


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 A exposición "Nado en pedra", de alumnos da Escola de Cantería –centro dependente da Deputación de Pontevedra–, que amosa unha síntese do traballo de temática figurativa desenvolvido nesa escola, pode visitarse desde hoxe na Fortaleza de Santa Cruz.



 O acto de inauguración da mostra, que tivo lugar no Centro de Interpretación das Fortalezas do Baixo Miño, pouco despois do mediodía deste sábado, contou coa presenza do alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz; do primeiro tenente alcalde Miguel Ángel Español Otero; da 2ª tenente de alcalde e deputada provincial de Emprego, Montserrat Magallanes Álvarez; do concelleiro de Patrimonio Manuel Javier Crespo González; e da concelleira de Servizos Sociais, María Teresa Vicente Baz. Tamén asistiron Concepción López Paz e Enrique Velasco, directora e director técnico, respectivamente, da Escola de Cantería da Diputación de Pontevedra, e algúns veciños.

   "Nado en  pedra" é unha exposición itinerante da Escola de Cantería que, en palabras da deputada Montserrat Magallanes Álvarez, “(...) ten un dobre obxectivo: por unha banda poñer en valor a extraordinaria formación que se imparte na Escola e por outro poñer tamén en valor este oficio tradicional que hoxe, no século  XXI, tamén ten futuro, tal e como demostran os importantes traballos que están a realizar os nosos alumnos e alumnas en Barcelona, Londres, Washington e moitos outros lugares.


 Pola súa parte, Enrique Velasco, escultor, profesor e membro da directiva da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, fixo unha breve descripción das obras expostas en diferentes emprazamentos da Fortaleza de Santa Cruz, salientando que algunhas das obras, representan os galegos que a comezos do século XX decidiron emigrar á América. Así podemos ollar unha escultura inspirada nunha fotografía de Manuel Ferrol - o fotógrafo da emigración española -, correspondente á reportaxe que fixo o 27 de novembre de 1957 previa á saída do transatlántico Juan de Garay, do porto da Coruña, na que un home adulto e un rapaz choran na despedida de algún familiar - probablemente o fillo de máis idade -, preto do porto. 


 Enrique Velasco referiuse tamén a outras obras inspiradas na iconografía da emigración, como á escultura na que un home mozo, está sentado nun baúl, coa ollada perdida no chán, cecais cavilando na matria que deixa, por un destino incerto, lonxe da Terra. 

 Mencionou igualmente a escultura de un home coa ollada cara o infindo, que ten na man dereita uns papeis - con certeza á documentación para embarcar -, a seu carón unha modesta maleta, e leva aniñado xunto o seu peito un meniño.

 Enrique Velasco referiuse tamén o mozo que prega esmola, e o gaiteiro que está sentado, ollando cara o mar, cecais pensando tamén en emigrar.

 As figuras femininas tamén están representadas na exposición. Así vemos unha nai que está aleitando o seu bebé, a avóa que queda soia na aldea - como a protagonista da longametraxe Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro -, namentras os fillos e netos sairon polo mundo adiante, e unha muller que olla prao horizonte, axitando un pañuelo de mán, e que en pouco tempo sería, como tantas outras "(...) viudas de vivos e mortos que ninguén consolará", como dixo Rosalía de Castro no seu poema ¡Pra a Habana!.



 Hai tamén unhas esculturas que representan nenas xogando e mesmo unha parella de namorados espidos.

 O profesor e membro da directiva da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra soubo agradecer o arduo traballo desenvolvido polo persoal da Deputación de Pontevedra e do Concello de A Guarda, así como dos concelleiros, que ata ben tarde, participaron na montaxe da exposición, xa que os accesos á Fortaleza de Santa Cruz teñen súa dificultade.

 Pola súa banda, o alcalde Antonio Lomba Baz trasladou seu agradecemento e o do Concello de A Guarda, a Deputación de Pontevedra, que si ben á presidenta Carmela Silva Rego non puido vir á inauguración desta exposición, a institución provincial está representada pola deputada Montserrat Magallanes Álvarez e pola directora e o director técnico, respectivamente, da Escola de Cantería da Diputación de Pontevedra.



 Aludindo o paso da borrasca HugoAntonio Lomba Baz salientou que nin o vento nin a chuvia afectaron ás obras escultóricas, feitas en granito, e dixo tamén que a exposición "Nado en pedra" está para ser visitada e disfrutada na Fortaleza de Santa Cruz, un lugar, no que como no Castro do Monte Santa Trega, a pedra é a protagonista.

 Na súa intervención o alcalde guardés evocou os mestres canteiros e non deixou pasar á oportunidade de indicar que á exposición ben pode quedar na Guarda, convidando a Deputación de Pontevedra a que considere esa proposta.

"NADO EN PEDRA" PODE VISITARSE ATA O VINDEIRO 2 DE MAIO

 A mostra itinerante componse de 18 pezas escultóricas de considerable tamaño, talladas en granito polos alumnos da Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra. Ademáis das obras que renden unha homenaxe os emigrantes galegos, hai outras nas que se representan oficios tradicionais e máis senlleiros da nosa terra, como o de canteiro, costureira, ferreiro ou zapateiro.

 Co obxectivo de resaltar a formación que se imparte no centro, dependente da Deputación provincial, e revalorizar o tradicional oficio da cantería a mostra ó ar libre permanecerá na fortaleza guardesa ata o 2 de maio deste ano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario