16 de mar. de 2018

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

OS SOCIALISTAS DA GUARDA TRASLADAN O PROBLEMA DO DETERIORO NO LITORAL DO ESTEIRO DO MIÑO ATA O PARLAMENTO GALEGO E O CONGRESOS DOS DEPUTADOS

Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda: “En vista de que, por parte da Xunta de Galicia e do Goberno Central, non se responde á solicitude do concello e non se asumen as responsabilidades que lles corresponden, os deputados do PSdeG-PSOE trasladarán este problema aos parlamentos Galego e Español (...)”

Os parlamentarios Patricia Vilán e Guillermo Meijón, acompañados polo alcalde do Concello de A Guarda, Antonio Lomba Baz e por Rafael Álvarez Martínez, presidente da Entidade Local Menor de Camposancos, e membros do grupo municipal de goberno, coñeceron in situ o deterioro que está sofrendo a ribeira galega no tramo final do Esteiro do río Miño, en Camposancos (A Guarda)
Foto: G.S.

Infogauda / Camposancos (A Guarda)

 Na mañá deste venres 16 de marzo visitaron a zona do esteiro do Miño, que está sufrindo estragos no litoral, a deputada do parlamento galego e portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, e o parlamentario no Congreso dos Deputados, pola provincia de Pontevedra, Guillermo Meijón. 

 O obxectivo da visita dos parlamentarios, aos que acompañaron o os membros do equipo de goberno municipal, é coñecer de primeira man os efectos destrutivos que o río está a producir en dous puntos do litoral: a zona da praia Lamiña-O Forte e a zona do Codesal, afirmou Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda.
  
 Como xa é de coñecemento público, posto que o executivo municipal do Concello de A Guarda deu conta dos estragos que se están a producir na ribeira galega, no tramo inferior do Esteiro do río Miño, o alcalde reiterou: Na zona da Lamiña-O Forte, estase a producir unha erosión acelerada con perda de parte do cordón dunar e caída de numerosas árbores, co risco de que a auga acabe por inundar unha zona na que o nivel do terreo é máis baixa ca do río, o que podería ter uns efectos impredicibles.  

 Na zona do Codesal produciuse a destrución dunha escolleira reparada por Costas do Estado no ano 2016, o que provocou tamén a caída de numerosas árbores e pon en risco a senda peonil que discorre ao carón do litoral. A situación é tan perigosa que o concello sinalizou a zona como medida de precaución para os usuarios desta senda

 O alcalde relembrou que en días pasados o concello solicitou, das administracións que teñen competencias no litoral do río que está a sufrir este proceso de destrución, a tramitación de emerxencia das actuacións que paren o proceso e que permitan a recuperación da praia.  

 Por último, o rexedor guardés advertiu: En vista de que, por parte da Xunta de Galicia e do Goberno Central, non se responde á solicitude do concello e non se asumen as responsabilidades que lles corresponden, os deputados do PSdeG-PSOE trasladarán este problema aos parlamentos Galego e Español, con sendas iniciativas que pidan responsabilidades aos gobernos e para que atendan as demandas feitas dende o concello.    

Ningún comentario:

Publicar un comentario