26 de mar. de 2018

FOTOGRAFÍA

FRAGMENTOS, de  Alberte A. Pereira, na Casa da Luz de Pontevedra

A mostra poderá visitarse ata o venres 27 de abril


Infogauda / Pontevedra

 Dende o sábado día 24 de marzo, está na Casa da Luz en Pontevedra, a exposición de fotografía “FRAGMENTOS”, do fotógrafo guardés Alberte Alonso Pereira.  

 Alberte A. Pereira afirma que un dos eixos principais sobre o que pivota a fotografía de rúa é a observación do comportamento das persoas, como interactúan e como se interrelacionan, sobre todo nos espazos urbanos.  

 FRAGMENTOS é - engade Alberte - un proxecto aberto, non definitivo, que seguirá medrando e se cadra transformándose. Nel mostro pequenos xestos, persoas absortas, descontextualizadas, mostrando só parte da contorna que as rodea. Ao tempo, achego anacos do espazo urbano aparentemente sen interese e sen presenza humana.  

 Neste traballo propoño, por tanto, unha foto de rúa afastada do momento decisivo, do extraordinario, de xustaposicións ou de imaxes en ton humorístico. Busco a simpleza, o esencial, a luz, amosando retratos de persoas “anonimizadas”, sen rostro. Un pequeno xesto, máis ca unha mirada; un detalle no chan, máis ca unha paisaxe urbana. Silencio contraposto ao habitual ruído urbano.  

 Unha serie de nove fotografías deste proxecto, recibiu o 2º Premio no LensCulture Street Photography Awards 2017 e foi elixida Finalista no StreetFoto San Francisco - Internacional Street Photography Awards 2017.

 A mostra poderá visitarse ata o venres 27 de abril, na Casa da Luz, sita na Praza da Verdura, de luns a sábado de 9:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 19:30 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario