8 de mar. de 2018

MADRID

A DELEGACIÓN DA XUNTA/CASA DE GALICIA ACOLLEU UNHA HOMENAXE Á MEMORIA DO ESCRITOR, PINTOR E CINEASTA FERROLÁN JUAN ANTONIO CADENAS 

Léronse algúns dos seus poemas e escritos, proxectouse un das súas curtametraxes e asistiron numerosos familiares, amigos e coñecidos  

José Ignacio Cadenas, Ramón Jiménez, Vicente Araguas e Antonio Polo
Fotos: Casa de Galicia

Infogauda / Madrid

 A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde unha homenaxe á memoria do escritor, pintor e cineasta ferrolán Juan Antonio Cadenas, falecido en Madrid o 22 de decembro de 2017, no que se leron algúns dos poemas e escritos do homenaxeado e proxectouse un das súas curtametraxes e ao que, a pesar das dificultades da xornada para moverse por Madrid, asistiron numerosos familiares, amigos e coñecidos que quixeron renderlle este tributo.  

 Interviñeron nel o poeta José Ignacio Cadenas, irmán do homenaxeado, o escritor e crítico literario Vicente Araguas, o escritor e editor Antonio Polo -dirixe a editorial Ariadna, que acaba de cumprir 20 anos de actividade- e, en representación do delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, o coordinador de Actividades, Ramón Jiménez Pérez.  

 Jiménez presentou aos intervenientes e anunciou que “se lerán poemas e outros escritos de Juan Antonio, proxectarase unha curtametraxe e, en fin, conversarase sobre el” tanto por parte dos intervenientes como por parte do público no coloquio co que se pechou o acto.  

 José Ignacio Cadenas interveu en representación da familia, algúns de cuxos membros se achaban presentes na sala. Lembrou que o seu irmán Juan Antonio, nacido en Ferrol, de nai e avós galegos, “era sobriño neto do poeta León Felipe, quen sen dúbida influíu no seu devir artístico, e por que non, na súa temperá rebeldía. Xa desde bacharel apuntaba maneiras neste sentido”. “As súas facetas de escritor, pintor, dramaturgo, cineasta, crítico e bo conversador fixeron del un personaxe diverso e ecléctico. O seu cinema, reflicte a súa permanente procura e loita, contra as súas propias contradicións. A súa poesía, é un compendio de experimentos coa palabra desde o seu aspecto simbólico e metafórico, como el mesmo dixo”, mantivo.  

A homenaxe registrou numerosa concorrencia, a pesares dos atrancos que houbo para moverse por Madrid esa xornada

 Valorou así mesmo que “quizá a súa vida foi unha constante en busca de definir cal das tantas manifestacións artísticas como profesaba era á que debería abrazarse de maneira permanente e fiel. Por iso é polo que, ata morrer, fíxoo sen procedemento, sen guion e sendo el o único personaxe nun escenario sen público. Trasladando o seu teatro experimental dos primeiros anos de universidade”. 

 Araguas, tamén ferrolán, fixo un percorrido persoal e emotivo sobre a vida e obra “deste amigo dos tempos de María Castaña, cando Xuvia-Neda era o noso territorio mítico e Juan Antonio Cadenas Dapena, para min, un heroe artista, cosmopolita, bohemio, un punto hippy e outro, ácrata. En todo caso un personaxe excepcional, que tocou todos os polos da arte e a gloria coa punta dos dedos”. Ademais, referiu anécdotas do homenaxeado, leu un poema seu, exhibiu unha das súas obras plásticas, da súa propiedade, e recitou un poema de Antonino Nieto, escrito "ad hoc".  

 Para Polo, que editou algúns dos seus libros, “o recordo de Juan Antonio Cadenas é o do intelectual que viviu moi rápido e ao que non podes sorprender, porque cando un cre que o que viu ou creou está na vangarda el facíao xa no 65”. “O humor formou parte tamén da súa obra, e fíxoo con toda a seriedade de quen se respecta a si mesmo”, observou e, neste sentido, lembrou “as súas colaboracións en ´Cuadernos de Humor´, ou series de televisión coñecidas”. “Juan Antonio Cadenas, tamén foi home de cafés e faladoiros. ´A contraviento´ o seu último poemario e ´El Comercial´ o seu último café”, engadiu.  

 Juan Antonio Cadenas, entre outras cousas, participou en exposicións individuais e colectivas de artes plásticas, colaborou nas revistas “Gaceta Universitaria”, “Vento nuovo”, “Silarus”, “Nova Europa” e “Cuadernos de Humor”, foi guionista da serie de televisión “Los ladrones van a la oficina”, foi autor das obras literarias “El primate perplejo”, “El Expolio”, “Teatro I”, “Teatro II”, “Al punky le sienta bien la morte”, “Fotocopas de las Mil y Una Noche” e “Memoria de Drácula” e de películas como “Viaje”, “El invento”, “Berenice”, “Zaragata”, “La Caca”, “La ruta de China”, “Resaca”, “Tráfico y traficantes” e “Reflejo.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario