8 de mar. de 2018

PONTEAREAS

No coloquio organizado polos deputados provinciais do PP participaron mulleres que ocupan profesións en sectores con máis presenza masculina 

Alfonso Rueda avoga por continuar impulsando políticas de igualdade para favorecer o empoderamento feminino e suprimir a fenda salarial  

• O presidente provincial do PP pechou o acto conmemorativo do 8 de Marzo en Ponteareas baixo o lema “Somos as protagonistas” onde se puxo de manifesto a loita das mulleres a prol da erradicación da discriminación e a violencia de xénero.    

Infogauda / Ponteareas

 O presidente provincial do PP, Alfonso Rueda, foi o encargado de pechar o acto conmemorativo celebrado por esta formación política en Ponteareas baixo o lema “Somos as protagonistas” co que o grupo provincial da Deputación quixo homenaxear na persoas de cinco mulleres traballadoras de diferentes sectores (ocupados maioritariamente por homes) a loita pola igualdade e contra a discriminación. No coloquio participaron ademais do presidente provincial, a deputada provincial do Partido Popular, Belén Villar, así como os voceiros do grupo popular, Elena Muñoz e Ángel Moldes.   

 Alfonso Rueda avogou por “non parar ao país na loita pola igualdade” e impulsar desde o goberno da Xunta políticas que favorezan o empoderamento e o libre acceso das mulleres ao mercado laboral “facilitando medidas de conciliación laboral e familiar e asumindo colectivamente as obrigas no fogar dun xeito activo e compartido entre homes e mulleres”.  

 Tamén se referiu ás mulleres como “unha parte activa da solución. Os pequenos cambios cuantitativos, que aínda que poidan parecer insignificantes, son grandes pasos na tarefa conxunta que como persoas nos temos que autoimpoñer para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria baseada no respecto mutuo e na convivencia harmónica e ordenada pola vía da colaboración como xeito de superación colectivo dos problemas que como sociedade nos aqueixan. Hai que superar frases do estilo: “eu axudo, eu boto unha man, eu colaboro…” por outras que falan dun compromiso claro e activo de compartir tarefas e responsabilidades, de asumir que o coidado da casa, dos nosos fillos e dos nosos maiores é tarefa de todas e todos por igual, sen excepción nin escusas para ninguén”, indicou o presidente provincial do PP.   

 Rueda tamén incidiu na súa alocución aos presentes sobre a necesidade de impular políticas que axuden a reducir aínda máis a fenda salarial. “Non cabe a menor dúbida de que aínda nos queda moito camiño por andar e pasos firmes e seguros estamos dando nese senso para reducir a fenda salarial, facilitar a participación equilibrada de mulleres e homes no mercado laboral, empoderar ás mulleres en eidos tradicionalmente masculinos, mellorar a súa capacitación profesional, fomentar o acceso pola vía do mérito e a capacidade a postos de relevancia e rachando os teitos de cristal desde as institucións e tamén nas empresas privadas”, indicou o presidente provincial.  

MULLERES PROTAGONISTAS DO SEU DESTINO AS 24  HORAS DO DÍA DOS 365 DÍAS DO ANO  

 E abondou neste senso dicindo que “queremos que as mulleres sexan protagonistas directas e responsables do seu destino as 24 horas dos 365 días do ano. Traballamos desde as institucións, como organismos mediadores, para que a negociación colectiva impulse o achegamento entre os axentes sociais para que a igualdade sexa un feito non só un dereito; impulsamos políticas de prevención da violencia de xénero, medidas de seguridade cidadá; implementamos programas educativos para desterrar roles e vocabularios machistas e así, en definitiva, en lugar de “parar” o noso país facemos todo o posible para que a igualdade avance”.  

 Lembrou ademais que Xunta aprobará o primeiro Plan de conciliación e corresponsabilidade, que porá o foco nun reparto equitativo das responsabilidades domésticas e familiares entre homes e mulleres.   

 Finalmente, Alfonso Rueda rematou o acto reivindicando “con orgullo” a figura das avoas e das nais “que foron pioneiras en abrirse paso nun mundo que non lles era propicio nin tan siquera doado, pero que grazas ao seu esforzo e valentía hoxe falamos delas como exemplo de coraxe e afouteza, como exemplo de sacrificio e adicación aos seus fillos e netos e ás súas familias. Hoxe rachamos aquí unha nova lanza a prol das mulleres e a prol da igualdade”, concluiu o presidente provincial do PP de Pontevedra. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario