15 de mar. de 2018

TUI

Presentación en Tui da publicación: Rebeldía Galega contra a inxustiza: Salcedo, Oseira, Nebra, Trasancos, Sofán e Sobredo 

Este venres, 16 de marzo, a partir das 20:00 h., na Sala Xacobeo da Área Panorámica   


Marga do Val / Tui

 O IEAMSo (Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo) organiza este venres, 16 de marzo en Tui, a presentación da publicación Rebeldía Galega contra a inxustiza: Salcedo, Oseira, Nebra, Trasancos, Sofán e Sobredo; terá lugar na Sala Xacobeo da Área Panorámica, a partir das 20:00  hs.  

 SERMOS GALIZA neste mes de marzo estrea unha colección de cadernos que se presenta coa cabeceira “De Nós. Monografías con perspectiva galega”. Publicación que afondará en temáticas de carácter histórico e tamén de actualidade, dende unha perspectiva de país, con criterios divulgativos e tratamento máis xornalístico.  

 O primeiro monográfico  

 Rebeldía Galega contra a inxustiza: Salcedo, Oseira, Nebra, Trasancos, Sofán e Sobredo, é o primeiro dos monográficos. O caderno fai un percorrido polos masacres mais significativos de comezos do século XX; coa publicación trátase dar resposta á necesidade de achegarse á memoria destes sucesos e garantir a súa divulgación. Trátase de masacres con moita repercusión na súa época e cunha grande mobilización social detrás, con duras consecuencias no plano represivo a raíz do golpe de 1936; acontecementos que foron silenciados durante décadas e son descoñecidos na actualidade.  

 A súa vez, salientar o papel central das mulleres, vítimas na súa maioría, nestes masacres; a súa participación solidaria na loita por mellores condicións de vida, así como a defensa dos intereses agrarios e da propiedade da terra, como medio de obter recursos económicos, queda de manifesto nos traballos que se conteñen na publicación.  

 O IEAMSo (Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo) que naceu co obxectivo de manter vivos na memoria os sucesos acontecidos en Sobredo en 1922, convida a participar na actividade, que programa dentro do ciclo “SOBREDO, 95 anos despois”.  

 Nos xa 95 anos do sucedido na parroquia de Guillarei e desde o IEAMSo desexamos traer Sobredo á actualidade e reivindicarmos os valores solidarios e construtivos na procura dunha vida máis xusta que moveron á sociedade daquela época.

Ningún comentario:

Publicar un comentario