14/04/2018

A GUARDA

CULTURA MARÍTIMA

A GUARDA, VILA DE LONGA TRADICIÓN MARIÑEIRA

Propomos que a Asociación Piueiro de a coñecer á cidadanía o proxecto aprobado na asemblea de Culturmar-Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial

Dúas estampas do porto de A Guarda, desde o Pico do Facho, no Monte Santa Trega
Fotos: Santiago Baz Lomba


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda


 Fai hoxe unha semana, publicábamos neste xornal dixital, probablemente en primicia informativa, a gratísima nova, de que A Guarda acollerá no verán de 2019, o XIV Encontro de Embarcacions Tradicionais de Galicia. 

 Ese evento, que terá lugar en augas de A Guarda, do 11 ao 14 de xullo, vai ser, sen lugar a dúbidas, todo un fito da Cultura Marítima, e como tal, será motivo para que a vila guardesa sexa visitada por moitas persoas que saben apreciar a etnografía marítima, pois nesas datas, todos teremos oportunidade de ollar de preto unha boa mostra das embarcacions tradicionais, que grazas ás asociacions que forman parte de Culturmar-Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, e tamén de outras procedencias, manteñen viva á memoria das carpinterías de ribeira, e de vellas singraduras a remo ou a vela, por esteiros, rías e mares.

 Desde fai moitos anos viñamos acariñando o soño de poder ollar algún día, navegar a vela gamelas guardesas e doutros portos máis ou menos, próximos.

 Grazas a que o XIV Encontro de Embarcacions Tradicionais de Galicia vai ter lugar na Guarda, de algún xeito veremos ese soño feito realidade. E non soio poderemos gozar ollando ás gamelas, senón tamén outras embarcacions como galeóns, dornas, bateis, botes polbeiros,...

 Ainda que tempo haberá para elo, desde Infogauda propomos que a Asociación Piueiro organice un acto público para dar a coñecer á cidadanía o proxecto presentado na asemblea de Culturmar-Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, celebrada o día 7 deste mes, e que foi aprobado pola maioría das asociacions participantes. Coidamos que sería un xeito óptimo de achegar os veciños de A Guarda e súa contorna a que vai ser, no verán de 2019, unha mostra magnífica do noso patrimonio marítimo a flote, do que Galicia é todo un referente.

 Para concluir por hoxe, ofrecémoslles os amables lectores deste xornal dixital, a galería de imaxes, da autoría do fotógrafo guardés Santiago Baz Lomba, que a petición da Asociación Piueiro, cedeu para o acto da presentación do proxecto na asemblea de Culturmar-Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. Nesas imaxes queda de manifesto a beleza do porto pesqueiro guardés e do barrio de pescadores, e tamén do tramo final do río Miño. Esa conxunción mar-río, presidida polo Monte Santa Trega, pón de manifesto que A Guarda é un verdadeiro agasallo da Natureza. E ademáis, un porto de longa tradición mariñeira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario