29 de abr. de 2018

A GUARDA

CULTURA

CAMIÑOS DA IMAXE
Joaquín García Portela "Costiña"

O libro en homenaxe o fotográfo guardés e pioneiro do cinema na Guarda, está á venda nas librerías


Portada do libro Camiños da imaxe - Joaquín García Portela "Costiña"

Infogauda / A Guarda


 O Concello da Guarda, en colaboración co Proxecto Socheo, organizou unha serie de actividades arredor da figura e obra de Joaquín García Portela, máis coñecido polo alcume do Costiña. Ademáis da exposición na Casa dos Alonso, nos meses de xullo de agosto de 2016, con gran éxito de asistencia de público, as actividades centráronse na presentación dunha unidade didáctica nas escolas da Guarda.

 Asemade, nunha das salas do Centro Cultural volveuse pendurar a colección de fotografías recuperadas para a exposición debido a excelente acollida que tivo este material entre veciños e visitantes, e remataron coa presentación do libro que leva por título Camiños da Imaxe - Joaquin García Portela "Costiña", coordinado por Xurxo González e Beli Martínez.

 Dende aquela, e da man da Deputación de Pontevedra, traballouse na edición dunha publicación que dá testemuña á figura e máis a obra do senlleiro fotógrafo guardés. A presentación do libro tivo lugar o venres, 3 de febreiro, ás 20:30, horas no Centro Cultural guardés. Este acto tivo como colofón a proxección dos filmes familiares de Joaquín Portela, musicados ao piano, en vivo e en directo, polo mestre Karolis Biveinis. 

 A pesar do mal tempo que houbo nesa data, numerosas persoas achegáronse o venres 3 de febreiro á presentación da publicación “Camiños da Imaxe”. Ante veciños e veciñas, representantes do goberno local e os deputados provinciais Montserrat Magallanes Álvarez e Javier Dios Pomares, presentouse o libro que inclúe unha escolma da obra do fotógrafo guardés Joaquín García Portela, máis coñecido como “Costiña”

 O acto foi inaugurado polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, que agradeceu a todos os asistentes a súa presenza e tivo un especial recoñecemento para a concelleira de Cultura Mª Elena Baz Rodríguez, e a técnico de Cultura, Teresa Espejo Guardiola, pola paixón e o esforzo postos neste proxecto. Ademais destacou que, fronte ás persoas que pensan que na Guarda non pasa nada, existen outras que crean e xeran espectáculo, como o homenaxeado Costiña. 

 Tamén remarcou o labor de Proxecto Socheo, comisariados da exposición de verán, e por suposto, puxo en valor a figura de Costiña e a súa obra, entre a que se atopan uns filmes que levan aos guardeses e guardesas á súa infancia e á historia máis íntima da vila. 

 A seguinte intervención foi a de Ricardo Rodríguez Vicente, portavoz da familia Costiña, que agradeceu aos veciños, amigos, familia e autoridades pola súa presenza, así como as palabras do alcalde e o traballo de Proxecto Socheo. Expresou a satisfacción plena como familia por esta homenaxe, moito máis do que podería soñar un fotógrafo como foi Costiña, un artesán da fotografía unido ás xentes máis humildes. 

 Pola súa banda o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal Fariña, expresou a súa alegría por acudir á Guarda a un acto como este. Preséntase, afirmou, unha publicación que mostra un gran agarimo polo sector e o patrimonio audiovisual do municipio, de gran importancia para lembrar o pasado e para que o poidan gozar todas as xeracións. Destacou a Costiña como unha persoa que apostou polo cinema, algo difícil hoxe, canto máis na súa época. 

 A continuación Xurxo González Rodríguez e Beli Martínez, de Proxecto Socheo, realizaron unha detallada presentación do libro. Primeiro agradeceron o apoio do Departamento de Cultura do Concello da Guarda e da Deputación de Pontevedra, que permitiu a materialización da publicación. Así como dos familiares de Costiña, en especial as súas netas Joaquina e Celia Martínez García, por facer posible o acceso ao arquivo do fotógrafo. Todo isto permitiu realizar unha publicación que, afirmaron, conta con textos de grandes expertos do cinema, tanto locais como estatais, que acompañan á obra do fotógrafo. Tamén falaron dos capítulos da publicación, que inclúe diferentes temas como a propia figura de Costiña, A Guarda na época, a fotografía neses anos, etc. 

 A Guarda, afirmaron, é terra de nacemento e paso de grandes fotógrafos. 

 Ademais compartiron un vídeo-ensaio sobre os filmes de Costiña, unhas películas familiares realizadas entre 1926 e 1929, que supoñen as primeiras películas filmadas na Guarda e por un guardés. Neste vídeo expuxeron datos sobre a vida do autor, as súas técnicas de filmación, a montaxe, os planos e secuencias, os movementos de cámara, a experimentación coas luces e imaxes que marcaron a obra de Costiña, e os diversos valores da súa obra, dos cales o principal é o seu valor documental. Para concluír a velada, os presentes puideron gozar do visionado dos filmes de Costiña, acompañados dunha interpretación musical en directo do pianista Karolis Biveinis. 

 Este foi un dos momentos máis emotivos, no que se puido ver como os presentes divertíanse ante as ocorrencias das fillas do fotógrafo, grandes protagonistas das películas. Tamén se viron imaxes de temporais da época na costa e de mariñeiros, así como diversas paisaxes e lugares da vila, que o público recoñecía a pesar do paso dos anos. Desta forma terminou unha noite moi especial de homenaxe a unha das figuras máis destacadas da historia e da cultura da Guarda.

 A semana cultural completouse cunha serie de presentacións dos filmes do Costiña nos centros educativos da Guarda onde púxose en práctica unha unidade didáctica deseñada para a ocasión. Os centros que se adheriron a esta iniciativa foron: PP. Somascos, Manuel Rodríguez Sinde, A Sangriña e San José – HH. Carmelitas. 

 Posteriormente, dentro da VI edición do Ciclo Cinema + Perto 2017, organizado pola Locus Cinemae Associaçâo de cinema de Caminha, o día 8 de agosto de 2017, no Auditorio do Museu Municipal de Caminha, tivo lugar á presentación dos filmes de Joaquín García Portela "Costiña".

"Camiños da Imaxe", no Museo do Pobo Galego

 Desde o 19 de abril e ata ó 10 de xuño de 2018, a exposición Camiños da Imaxe - Arquivo Joaquín García Portela "Costiña", pode visitarse no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela.

O LIBRO CAMIÑOS DA IMAXE - JOAQUÍN GARCÍA PORTELA "COSTIÑA" ESTÁ NAS LIBRERÍAS

 Coordinado por Xurxo González e Beli Martínez, o libro Camiños da Imaxe - Joaquín García Portela (Deputación de Pontevedra, 2017), recolle en 120 páxinas textos de varios autores: Carmela Silva Rego, Xosé Leal Fariña, Xurxo González Rodríguez, Beli Martínez Martínez, Ricardo Rodríguez Vicente, Gustavo González Rodríguez, Manuel Sendón, Pablo Marín, Luis E. Parés e Fernando Redondo Neira.

 Ademais da biografía do fotógrafo guardés e pioneiro do cinema na vila de A Guarda, os autores dos diferentes artigos, analizan o contexto histórico e social no que viviu e traballou Joaquín García Portela "Costiña", así como fan achegas inéditas sobor deste fotógrafo guardés, pioneiro do cinema na vila de A Guarda, o tempo que se recolle unha escolma da súa obra fotográfica.

 O libro está sendo distribuido pola editorial Galaxia, e pode atoparse nas librerías de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario