17 de abr. de 2018

A GUARDA

Aberto o prazo para solicitar a participación no programa termal «Benestar en balnearios»  

Sara Alonso / A Guarda

 O departamento de Servizos Sociais do Concello da Guarda informa de que xa está aberto o prazo para solicitar a participación no programa «Benestar en balnearios 2018» da Xunta de Galicia.   

 As solicitudes poderán presentarse ata o 16 de maio (incluído) para as estadías e tratamento termais a realizar nos meses de maio e xuño, e ata o 30 de maio aquelas que se vaian desfrutar entre xullo e outubro.   

 Os requisitos para poder acceder ao programa son:
   
• Ser maior de 60 anos ou maior de 55. Neste último caso, debe reunir a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.  

• Estar empadroado e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia. 

• Valerse por si mesmo para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa, agás no caso de fillos ou fillas que acudan en calidade de acompañantes.

• Non padecer alteración do comportamento que poidan afectar a normal convivencia  nos establecementos, nin padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio. 

• Carecer de contraindicación médica  para a recepción dos tratamentos termais. 

• Acadar, de conformidade co baremo establecido, a puntuación que lle permita acceder a un dos balnearios e quendas solicitadas.  

 A persoa solicitante poderá ir acompañada do seu/súa cónxuxe, parella de feito ou persoa coa que teña unha unión estable e de convivencia con análoga relación á conxugal, ou cun  fillo ou filla con grao de discapacidade e autonomía de movemento, sempre que cumpran os requisitos arriba mencionados (a excepción do primeiro punto).   

 As persoas interesadas en participar no programa poderán informarse e realizar as súas solicitudes no departamento de Servizos Sociais do Concello da Guarda entre as 9:00 e as 15:00 horas.    

 Sobre o programa 

 O programa termal«Benestar en balnearios» é unha iniciativa da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia coa que se ofrecen alternativas de ocio que fomentan a  autonomía e saúde das persoas maiores, favorecendo a un tempo as súas relacións sociais.   

 O programa ofrece un total de 679 prazas en 2018, nas que se inclúen a estadía en establecementos termais da comunidade en réxime de pensión completa e habitación dobre compartida, así como un recoñecemento médico e seguimento do tratamento termal prescrito.    

Ningún comentario:

Publicar un comentario