20 de abr. de 2018

CULTURA

O Museo do Pobo Galego acolle a exposición do fotógrafo guardés «Costiña» pioneiro do cinema na Guarda  

A mostra «Camiños da imaxe. Arquivo de Joaquín García Portela ‘Costiña’» inaugurouse onte en Santiago de Compostela e estará aberta ao público ata o vindeiro 10 de xuño.  

Justo Beramendi, presidente do Museo do Pobo Galego, no acto de apertura de exposición, xunto o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, a concelleira de Cultura María Elena Baz Rodríguez, e a profesora, productora e compoñente de Proxecto Socheo, Beli Martínez
Foto: Laxe Grande

Sara Alonso / Santiago de Compostela

 O Museo do Pobo Galego, en colaboración co Proxecto Socheo e o Concello da Guarda, inaugurou na tarde de onte a exposición «Os camiños da imaxe. Arquivo de Joaquín García Portela ‘Costiña’», na que se expoñen as fotografías e os filmes deste pioneiro fotógrafo e cineasta guardés.

De esq. a der.: Justo Beramendi, Antonio Lomba Baz, Beli Martínez e María Elena Baz Rodríguez
Foto: Laxe Grande

 Ao acto de apertura asistiron o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz; a concelleira de Cultura, María Elena Baz Rodríguez; as netas de «Costiña», Joaquina e Celia Martínez García, e dúas bisnetas Cheli Vicente Ameal e María Rodríguez Martínez; a profesora e productora Beli Martínez, de Proxecto Socheo, e o presidente do museo, Justo Beramendi, amais doutro medio centenar de persoas vinculadas á cultura galega e ó museo. 

Vista parcial dos asistentes o acto de inauguración, o que asistiron dúas netas e dúas bisnetas de Joaquín García Portela
Foto: Laxe Grande

 O Proxecto Socheo para a recuperación da memoria visual da Guarda e o Baixo Miño foi o encargado do traballo de investigación e recuperación dos arquivos, datados dos anos 20 e cedidos pola familia do autor. Co apoio do Concello da Guarda, estes materiais mostráronse primeiramente nesta vila (2016), nunha exposición da que agora podemos gozar en Santiago de Compostela.   

 Nesta liña, o rexedor local quixo destacar a importancia dos labores de recuperación e difusión do traballo deste pioneiro guardés, «cun gran valor etnográfico e sentimental para A Guarda» por retratar escenas da vida cotiá dunha época, ata fai pouco inéditas.   

 A mostra, enmarcada nas actividades paralelas á Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego, estará aberta ao público ata o 10 de xuño, con entrada de balde.   

 Sobre a obra de «Costiña» 

 Joaquín García Portela naceu na Guarda en 1894. Emigrou a Bos Aires (Arxentina), onde afondou na súa formación como fotógrafo, retornando á vila xunto coa súa familia nos anos 20. Aquí abriu o seu estudo de fotografía, exercendo ata a súa morte en 1957.  

 O seu interese pola técnica levouno a sacarse a licenza de técnico de radios e a mercar un proxector e unha cámara Pathé de 9,5 mm, coa que realizou numerosos filmes de tipo familiar e costumista. «Costiña» foi, así, o precursor do cinema na Guarda.   

 O seu arquivo contén os primeiros filmes feitos sobre A Guarda e por un guardés que se conservan na actualidade, realizados entre os anos 1926 e 1929; mais tamén exerceu como fotógrafo, dándolle unha natureza polifacética e orixinal ás súas imaxes. 

GALERÍA DE IMAXES DE INFOGAUDA, CORRESPONDENTES O ACTO DE INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN

Ningún comentario:

Publicar un comentario