16 de abr. de 2018

DEPORTE

A Secretaría Xeral para o Deporte convoca as subvencións para entidades deportivas por un importe superior aos 2 millóns de euros 

Como se informou o pasado mes de novembro, a Secretaría Xeral para o Deporte modificou esta orde de axudas para evitar que ocorran sucesos ou incidentes violentos naquelas competicións de orde autonómica que teñan lugar en Galicia


Infogauda / Galicia

 A Secretaría Xeral para o Deporte vén de convocar para o presente ano 2018 as subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e agrupacións deportivas escolares de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas.  

 Esta orde de subvencións conta cun orzamento total de 2.020.000 euros dos que 1.900.000 euros destinaranse a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas (sendo a axuda máxima posible por beneficiario de 29.999 euros), e os restantes 120.000 euros serán para as agrupacións deportivas escolares (sendo a axuda máxima posible por beneficiario de 15.000 euros).  

 A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, que foi o pasado mércores 11 de abril. 

 Medidas contra a violencia no deporte 

 Como a propia Secretaría Xeral para o Deporte anunciou o pasado mes de novembro, a Secretaría Xeral para o Deporte modificou esta orde de axudas para evitar que ocorran sucesos ou incidentes violentos naquelas competicións de orde autonómica que teñan lugar en Galicia.  

 Deste xeito, non poderán obter a condición de beneficiarios destas subvencións “os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, agrupacións deportivas escolares e seccións deportivas que foran sancionados pola federación deportiva correspondente no ano anterior á convocatoria, cando a sanción teña a súa orixe en condutas violentas, racistas, xenófobas ou intolerantes provocadas polas persoas espectadoras e asistentes”. Do mesmo xeito, tampouco poderán optar a estas axudas quen “discrimine nos premios ou recoñecementos que outorguen as persoas deportistas por razón de xénero”.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario