11 de abr. de 2018

LABORAL

O Congreso dos Deputados/as aproba unha proposición da CIG sobre a idade de xubilación dos traballadores/as do granito e da lousa e a prevención da silicose   

Alberto Fernández Campo / Vigo
FCM-CIG

 Na Comisión de Emprego e Seguridade Social do Congreso dos Deputados/as e na sesión celebrada o martes 10 de abril aprobouse unha proposición presentada pola federación da Construción e Madeira (FCM) da CIG na que se solicitaba do Goberno central medidas para preservar a saúde dos traballadores/as dos sectores do granito e da lousa e rebaixar a súa idade de xubilación dados os riscos de contraer silicose que sofren pola exposición a po de sílice. Tamén se acordou solicitar unha mellor atención unha vez abandonado o posto de traballo para quen xa padece a enfermidade. Pídese ademais que esta redución da idade de xubilación se aplique por igual a canteiras, fábricas e marmorerías.  

 A proposta da CIG foi defendida pola deputada de En Marea Yolanda Díaz. Sumouse a esta iniciativa da central nacionalista o PSOE, que presentou un texto que viña a incidir nas mesmas reivindicacións e que o foi exposto pola deputada Rocío de Frutos.  

 O escrito resultante da transacción de ambas propostas foi aprobada por 22 votos a favor e 14 en contra, estes últimos do Partido Popular que, unha vez máis, queda en minoría opóndose en solitario ao resto dos grupos do Congreso.  

 É de salientar que o partido do Goberno votou a favor desta mesma proposta cando estaba na oposición, esquecéndoa en todos os anos que leva gobernando.

 A FCM-CIG impulsará unha campaña unitaria de actuacións e mobilizacións para esixir que se cumpra este acordo ante o posíbel intento de boicot por parte do Goberno de Rajoy.

Ningún comentario:

Publicar un comentario