11 de maio de 2018

A GUARDA

Co gallo do Día das Letras Galegas, 2018

A AGRUPACIÓN CULTURAL GUARDESA HOMENAXEARÁ A BETI REY  

· O acto da homenaxe será o venres 1 de xuño ás 9 da noite no Centro Cultural da Guarda

Beti Rey Ferreira
Foto: RMT

Infogauda / A Guarda

 A Agrupación Cultural Guardesa, entidade que preside á activa Julia Sobrino González, ven de facer público o contido da seguinte carta:


 Prezadas amigas, prezados amigos: 

 É unha honra para nós comunicarvos que na Asemblea Xeral Extraordinaria da A.C.G. celebrada o día 24 de abril de 2018, foi elexida Dona Beti Rey para ser homenaxeada co gallo do Día das Letras Galegas 2018. 

 Beti Rey é locutora de radio. Ten unha ampla experiencia profesional no eido da comunicación na radio, televisión, prensa escrita e dixital e redes sociais. Dende 1993 é locutora de radio na Radio Municipal de Tui. Participou na Televisión de Tui ao fronte do programa “Trisquel” e colaborou coa Televisión da Guarda na realización dalgún programa especial co gallo da celebración das Festas do Monte. Ao longo dos últimos vinte anos, ven colaborando en varios medios de prensa escrita e dixital. Nos últimos anos ten realizado a presentación de innumerables eventos tanto no Baixo Miño e Vigo como noutros puntos de Galicia. Dende hai máis de dez anos, forma parte do Gabinete de Comunicación do Concello de Tui e colaborou co Festival Internacional de Documentais Play-Doc. Foi responsable de prensa da Candidatura a Patrimonio da Humanidade da UNESCO do Patrimonio Inmaterial Galego Portugués promovida pola Asociación Ponte nas Ondas. 

 O acto da homenaxe será o venres 1 de xuño ás 9 da noite no Centro Cultural da Guarda. Falará sobre Beti Rey Don José Font Moldes, director de Radio Tui. 

 Como ven sendo tradicional, a A.C.G. entregará un libriño homenaxe aos asistentes ó acto. 

 Contaremos coa actuación do Grupo de Pandeiretas da A.C.G., Cantaruxas e Merliños, dirixidos por Berta Castro; o Grupo Antorcha, dirixido por María José Baz e coa actuación especial do Grupo de Cámara da Agrupación Musical da Guarda, dirixido por Víctor Alonso Treinta e José Antonio Soutelo Muñoz. 

 Aproveitamos este comunicado para invitalos ao acto homenaxe a Beti Rei e contamos coa súa estimada presenza. 

 Saúdos con afecto. 

 A Guarda, 10 de maio de 2018 


A PRESIDENTA                               A SECRETARIA 
JULIA SOBRINO                             MARÍA SOLEDAD DIZ

Ningún comentario:

Publicar un comentario