15/05/2018

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

A COMUNIDADE DE MONTES DE CAMPOSANCOS CONMEMORA O DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Os comuneiros relembrarán a María Victoria Moreno e tributaranlle unha homenaxe póstuma a D. Nicolás Gutiérrez Campo




Infogauda / Camposancos

 A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos informa da programación para festexar o día das Letras Galegas.

 Este sábado, 19 de maio as 20:30, a Casa Cultural da Comunidade de Montes de Camposancos acollerá un acto con motivo da celebración das Letras Galegas. Sabela Rodríguez Jardón (ensinante xubilada), fará unha sembranza de María Victoria Moreno Márquez, figura central da conmemoración das Letras Galegas, neste 2018.   

 “A Comunidade de Camposancos - dixo José Fernando Martínez Martínez a este xornal dixital -, queremos homenaxear a D. Nicolás Gutiérrez Campo que foi mestre durante anos no colexio público de A Guarda, a vez que foi Secretario da Entidade Local Menor de Camposancos dende o ano 1947 ata o 1949, e primeiro presidente da reconstituida Entidade Menor dende no 1964. O seu neto Xosé Manuel Malheiro será quen nos falará de tan ilustre persoeiro.   

 A fadista Madalena Gamalho interpretará fados, acompañada á guitarra por Bieito Solo. 

 Estes actos están organizados pola Xunta Reitora de Comunidade de Montes de Camposancos.

 Entrada totalmente de balde ata completar aforo.


Nicolás Gutiérrez Campo (Segovia,1909-A Guarda, 1964)
  
Nicolás Gutiérrez Campo
Foto: Arquivo familiar

Nicolás Gutiérrez Campo naceu en Segovia, o 13 de outubro de 1909, no número catro da rúa Doctor Pichardo, onde a súa familia residía naquel momento. O seu pai, Sadot Gutiérrez, casado con Anastasia Campo, era funcionario xefe de prisións, e esa circunstancia obrigouno a pasar por diversos destinos antes de recalar definitivamente en Béjar. Alí permaneceu o resto da súa infancia e xuventude, na vivenda familiar dentro do vello caserón do cárcere, hoxe convertido no Consistorio e Casa de Cultura. En Béjar realizou os estudos primarios e medios no Colexio Salesiano, examinouse de Bacharelato en Ávila en xaneiro de 1928, e continuou estudos de Maxisterio, matriculado por libre na Universidade de Salamanca, obtendo o título en 1930.

Debuxo ao carboncillo da autoría de D. Nicolás Gutiérrez Campo, datado en decembro de 1934
Arquivo familiar

    Despois de rematar a carreira e de opositar en Madrid en 1931, obtén o seu primeiro destino en Galicia, onde ocupou sucesivas prazas, en curtas estancias, ata a súa depuración tras o 18 de xullo de 1936. Sen datos fiables que poidan documentar con certeza estas estancias, parece probable que a primera fose no concello de O Covelo; de aí pasou a Cortegada, seguidamente Codeseda, na Estrada e o seu último destino antes da guerra foi a parroquia viguesa de Zamáns. Alí permaneceu desde setembro de 1932 ata finais do curso 1935-1936.

Naquela época, e a través do seu amigo Pedro Caselles vai coñecer a outra mestra, Ana Marina Melero Fernández, natural de Camposancos, coa que acabaría casando despois dalgún tempo de noivado. A voda celebrouse o 20 de xullo de 1936, dous días antes que o xeneral Franco dera un golpe de Estado que desembocaría na guerra civil.

Nicolás Gutiérrez e Ana Marina Melero, xa casados, teñen que alterar os plans de futuro previstos para iniciar unha vida moi diferente, a causa da guerra e á depuración política. O mestre destituido arranxa un traballiño como contable de “Los Castellanos”, unha empresa familiar que rexentaba unha fábrica de xabóns e unha tenda de produtos coloniais en Pontevedra, na rúa García Camba, que deixa pouco tempo despois, ao ser recrutado para marchar á fronte da guerra. Rematada a guerra trasládase a Valencia coa súa muller e a primeira filla aceptando a oferta do industrial guardés Eloy Domínguez. Un xesto que a parella había lembrar con gratitude e agradecemento o resto da vida. En Valencia permanece a familia até a súa reincorporación, logo de varias reclamacións formuladas ao Tribunal de Reposición de Recursos. Entretanto, van nacendo os restantes fillos: María Jesús, José Florencio e Joaquín Ramón.

    Desde a rehabilitación até a súa morte en 1964, Nicolás Gutiérrez dedicouse por enteiro ao ensino e á familia. Reincorpórase ao ensino na escola graduada de A Guarda, un edificio destartalado que compartía cos mestres Víctor Touriño López e Martín Álvarez Álvarez. Este encargábase dos alumnos máis cativos, Touriño dos cursos medios e Nicolás Gutiérrez dos maiores. A finais dos anos sesenta, aquela escola foi derrubada para construir o Grupo Escolar Rodríguez Sinde.

    El e Marina tiñan que sacar adiante catro fillos co cativo salario do maxisterio da posguerra. Na súa bibicleta subía a diario desde a casa familiar, preto do vello colexio dos xesuítas, cara a escola nacional. Alí permanecía a xornada completa, onde complementaba os seus ingresos de mestre con clases particulares para preparar aos bachareis que ían examinarse ao Instituto Santa Irene; tamén ás xentes modestas que tomaban o camiño da emigración, ou aos mozos do barrio da Mariña que precisaban tirar un título oficial para enrolarse nos buques pesqueiros.

Fóra do ámbito escolar, Nicolás Gutiérrez ocupou o cargo de presidente da Entidade Local Menor de Camposancos entre xuño de 1963 e outubro de 1964, data na que decidiu demitir. Morrería dous meses máis tarde, o 9 de decembro de 1964.

Como quedou reflectido na Acta da sesión extraordinaria celebrada o día 10 de decembro de 1964 na Entidade Local Menor de Camposancos, redactada por algúns dos seus compañeiros, alí o definiron como “home de clara e sólida mentalidade na que o sentido do ben e da xustiza, da bondade e da dignidade se manifestaron ininterrumpidamente durante toda a súa vida, tanto pública como privada, a través da súa proverbial humildade; mestre nacional exemplar, tanto pola súa preparación intelectual como polas súas dotes pedagóxicas”. Palabras que, sen dúbida, suscreben os seus ex-alumnos, os mesmos que nunha mostra de recoñecemento e gratitude promoveron unha entrañable homenaxe na primavera de 1987. Eles quixeron que o grupo escolar recén construido no lugar As Solanas do barrio guardés de Ribadavila se chamara “Nicolás Gutiérrez Campo”.

Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez

Ningún comentario:

Publicar un comentario