15/05/2018

O BAIXO MIÑO

LINGUA

"Galeguiza o teu nome, restaura o teu apelido"     

Termos os nomes e apelidos na nosa lingua, non só reflicte de onde somos senón tamén o que somos, galegas e galegos cunha historia e unha traxectoria cultural de centos de anos  

Militantes e concelleiros do BNG no Baixo Miño veñen de participar na campaña  para galeguizar o  nome e apelido

Infogauda / O Baixo Miño

 Ante a celebración do 17de  maio, Día das Letras Galegas, o BNG inicia a campaña de galeguización dos nomes e restitución dos apelidos.  

 Militantes e concelleiros do BNG no Baixo Miño veñen de participar na campaña para galeguizar o  nome e apelido. O portavoz municipal do BNG na Guarda, Anxo Luis Baz animou á veciñanza a facer un esforzo para acabar coas alteracións sobre os apelidos e nomes galegos. A campaña do BNG busca a recuperación dalgunhas das nosas señas de identidade deturpadas como os nomes propios e apelidos. 

 Xosé Martínez "Tato", concelleiro do BNG en Tui  remarcou que a campaña nacionalista, libre e voluntaria non impón nada nin obriga a ninguén, só pretende que impere a cordialidade e o sentido común. Tato lembrou que durante o período franquista resultaba impensable inscribir os nomes en galego , pero na actualidade, os trámites son moi doados.   

 Para galeguizar o nome e apelidos só é preciso solicitar unha partida de nacemento e mudar o nome  no rexistro civil onde figuramos inscritas. O BNG pon a disposición de todas as persoas interesadas a información sobre os trámites necesarios para galeguizar o nome e apelido a través da web bng.gal.  


 Por outra banda, o BNG no Baixo Miño, fai un chamamento a todas as veciñas e veciños da comarca a secundar a mobilización convocada pola plataforma "Queremos Galego" o dia 17 de maio, ás 12 horas desde a alameda de Compostela. Sairán autobuses desde o Baixo Miño con paradas na Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, cómpre reservar praza no: 616 090 632/986 610 465 (tarifa: 5€/persoa, agás desempregad@s de balde).   

 A manifestación de "Queremos Galego", será un acto festivo e reivindicativo a favor da lingua galega. Participarán centos de colectivos e entidades de ámbitos moi diversos que teñen en común a defensa da nosa lingua porque o galego é  o elemento que nos une.

Ningún comentario:

Publicar un comentario