17 de maio de 2018

TRANSPORTE

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, o presidente da Federación galega de ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e o ciclista Ezequiel Mosquera, presentou onte esta mensaxe de concienciación 

A Xunta pon en marcha a campaña ‘Metro e medio’ para fomentar a convivencia e o respecto entre os distintos usuarios da estrada, salvagardando a seguridade dos ciclistas 

Vázquez Mourelle explica que a campaña incide na distancia lateral mínima de seguridade que se debe deixar sempre ao adiantar a un ciclista, metro e medio, sumándoa á concienciación de que estes deportistas se fagan visibles

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, o presidente da Federación galega de ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e o ciclista Ezequiel Mosquera, presentou onte esta mensaxe de concienciación

Trátase dun anuncio, que se difundirá a partir do venres nos medios de comunicación, protagonizado por ciclistas galegos como Ezequiel Mosquera, Irene Trabazo, Óscar Pereiro, Eva Castro e Álvaro Pino  

A Xunta continua a traballar da man da Federación Galega de Ciclismo, polo que xa se repartiron máis de 1.600 cortaventos reflectantes entre os ciclistas para previr atropelos e este ano distribuiranse outras 3.000 prendas  

A conselleira indica que nas estradas se están a adoptar medidas dirixidas aos ciclistas deportivos, como a reforma do carril bici entre Baiona e A Guarda ou a identificación de rutas protexidas en 12 treitos de estradas das 4 provincias  

Concreta que se sinalizará a presenza de ciclistas nestas vías de uso frecuente para estes deportistas e se analizarán os traballos precisos para que os treitos sexan máis seguros, coa retirada, por exemplo, de obstáculos das beiravías  

A Xunta incrementou este ano un 48% as partidas para seguridade viaria para continuar co Plan de reforzos de firme ou impulsar a estratexia para ter eliminados en 2020 os treitos de concentración de accidentes nas vías autonómicas

Infogauda / Santiago de Compostela

 A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, o presidente da Federación galega de ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e o ciclista Ezequiel Mosquera, presentou onte a nova campaña de seguridade viaria ‘Metro e medio’, que se porá en marcha o venres, co obxectivo de fomentar a convivencia e o respecto entre os distintos usuarios da estrada, salvagardando a seguridade dos ciclistas.  

 Vázquez Mourelle explicou que unha vez que se está avanzando na concienciación entre o propio colectivo da necesidade de facerse ver, cómpre dar un novo paso para mentalizar e implicar tamén ao resto de condutores. Así, esta nova campaña incide na distancia lateral mínima de seguridade que se debe deixar sempre ao adiantar a un ciclista, metro e medio, sumándoa a esa mensaxe de concienciación de que os ciclistas se fagan visibles. 

 Subliñou que ‘Metro e medio’ é o lema do anuncio que comezará a emitirse a partir deste venres nos medios de comunicación e que estará protagonizado por ciclistas galegos de recoñecido prestixio como Ezequiel Mosquera, Irene Trabazo, Óscar Pereiro, Eva Castro e Álvaro Pino.  

 A Xunta continua a traballar da man da Federación Galega de Ciclismo, incidindo na necesidade de que os ciclistas se fagan visibles aos demais condutores cando transiten pola estrada. Neste sentido, xa se repartiron máis de 1.600 cortaventos reflectantes entre os ciclistas co obxectivo de previr atropelos, posto que é a prenda que o propio colectivo considera máis axeitada porque lle facilita a práctica do deporte. A estas prendas sumaranse este ano outros 3.000 cortaventos, cuxo contrato se está a tramitar. 

 A titular de Infraestruturas indicou que o Goberno galego tamén está a prestar especial atención a incrementar e protexer a seguridade dos usuarios máis vulnerables nas estradas como son os peóns e os ciclistas. A este obxectivo vai dirixido o Plan de sendas de Galicia, que está permitindo executar 170 km de sendas peonís e ciclistas pensadas para facilitar os desprazamentos cotiás á pé e, nalgúns casos, en bici. Neste caso, son infraestruturas orientadas a ciclistas “de paseo”, que realizan os seus itinerarios habituais a baixa velocidade e poden, polo tanto, transitar por estes itinerarios.  

 Non obstante, os ciclistas deportivos deben transitar pola propia estrada e pensando neles, a Xunta está a adoptar medidas específicas como a realizada na PO-552, coa reforma do carril bici entre Baiona e A Guarda ou a identificación de rutas ciclistas protexidas en 12 treitos de estradas das catro provincias frecuentadas por ciclistas, coa colaboración da Dirección Xeral de Tráfico e a Garda Civil e coa propia Federación Galega de Ciclismo.  O Executivo autonómico ten asumido o compromiso de levar a cabo as actuacións necesarias para sinalizar a presenza de ciclistas nestas vías, algo que se realizará xa a curto prazo. A continuación, analizaranse os traballos precisos para facer que os treitos de estradas autonómicos sexan máis seguros para os ciclistas, coa retirada, por exemplo, de posibles obstáculos das beiravías.  

Compromiso coa seguridade viaria 

 Ethel Vázquez salientou que co esforzo de todos Galicia foi a comunidade con maior descenso de vítimas mortais nas estradas durante o ano 2017, pero hai que seguir traballando, insistindo na concienciación, no fomento de condutas responsables e na convivencia harmónica nas estradas.  

 Para o Goberno galego a seguridade viaria é unha materia estratéxica e prioritaria porque non hai nada máis importante que a vida e a integridade das persoas.  

 A Xunta ten unha folla de ruta trazada, que se materializa no Plan de Seguridade Viaria 2016-2020. Engloba todo un conxunto de medidas e liñas de traballo para reducir ao máximo o número de accidentes de tráfico que se rexistran nas estradas galegas e minimizar as súas consecuencias. 

 Desde a posta en marcha deste plan téñense redobrado os esforzos destinados á seguridade viaria, tanto no que ten que ver con actuacións concretas, como no respaldo orzamentario, incrementando este ano un 48% as partidas específicas neste eido.  

 Neste marco, o Goberno galego traballa no desenvolvemento de medidas destinadas a mellorar as infraestruturas como o Plan de reforzos de firme, para garantir a conservación das estradas autonómicas, ou a Estratexia de eliminación dos treitos de concentración de accidentes co obxectivo de telos eliminado nesta lexislatura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario