3 de maio de 2013

A GUARDA

MANUEL ÁNGEL POMBAL DIEGO "PEQUE" SERÁ HOMENAXEADO CO GALLO DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS, 2013

                                               Manuel Ángel Pombal Diego 

Infogauda / A Guarda

A asamblea da Agrupación Cultural Guardesa acordou elexir á Manuel Ángel Pombal Diego para ser homenaxeado co gallo do Día das Letras Galegas, 2013.
O acto da homenaxe será o venres día 24 de maio, ás 9 da noite, no Centro Cultural e Social de A Guarda. Falará sobre Manuel Ángel Pombal, Antón Ferreira Lorenzo. 
Como ven sendo tradicional a Agrupación Cultural Guardesa entregará nese acto un pequeno libriño homenaxe.
O evento contará tamén coas actuacións do Grupo de Pandeiretas da Agrupación Cultural Guardesa, o Grupo Antorcha, e a Banda da Escola de Música de Mougás.

Reseña curricular de Manuel Ángel Pombal Diego
Manuel Ángel Pombal Diego, veciño da parroquia de Pedornes (concello de Oia) é doutor en Bioloxía, e profesor e investigador na Área de Bioloxía Celular da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo.

Como investigador ten publicados máis de 40 artigos de investigación, a maioría deles relacionados co sistema nervioso da lamprea. Participou en 20 proxectos de investigación, sendo investigador principal en 12 deles. Asistiu a máis de 55 congresos e reunións científicas nas que presentou máis de 90 comunicacións.
Como docente ten publicados 5 artigos e participou en 9 congresos, nos que presentou 7 comunicacións, destacando a creación, xunto con dous compañeiros (Manuel Megías e Pilar Molist) dun Atlas Histolóxico Virtual de libre acceso que xa revibe máis de 6.000 visitas diarias.
Comezou a impartir clases prácticas como bolseiro predoutoral no curso 1991-92 na Universidade de Santiago de Compostela. Máis tarde, pasou dous anos (1993-1995) como contratado na Universidade da Coruña. En outubro de 1995 gaña unha praza de Axudante de Facultade na Universidade de Vigo, obtendo unha praza de Profesor Titular de Universidade a finais de 1998. O ano seguinte formou o grupo de investigación denominado “Neurobioloxía de Lampreas” (Neurolam), do que é investigador principal.
Impartiu máis de 20 conferencias e participou nunhas 35 actividades de divulgación científica e ambiental, destacando a súa actividade dentro da Asociación Naturalista Baixo Miño.
É membro de 12 sociedades ou asociacións, 6 delas internacionais, e revisor científico de 11 revistas, habendo participado tamén como revisor de proxectos e comunicacións científicas.
Algunhas das actividades máis salientables realizadas na súa parroquia son:
No ano 1984 organiza e pon en marcha a 1ª Festa do Magosto que máis tarde se converteu na Semana Cultural de Pedornes.
Desde principios de 1998 forma parte da Xunta Xestora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Parroquia de Pedornes como secretario durante dous anos, e desde o ano 2004 ocupa un posto como vocal da mesma.
En 1999, participou e promoveu a constitución da Asociación de Mariñeiros, Artesanais, Deportivos e Ribeireños de a Pe “As Orelludas” de Oia, sendo elixido secretario da súa Xunta Directiva, cargo que ocupou mentres a Asociación se mantivo activa.
Nos anos 1999, 2006 e 2011-2012 formou parte da Xunta Directiva da Asociación Cultural “San Mamed”, encargada da organización das festas locais: a Semana Cultural, o Santísimo e a festa do patrón San Mamed.
Promovida por Manuel Ángel e un grupo de veciños, en maio de 2004 celebrouse a reunión fundacional da Asociación de Veciños “A Muruxeira” de Pedornes,sendo desde entón o seu presidente.
En xaneiro de 2005 asinouse a acta fundacional da Mancomunidade de Montes de Oia, sendo o seu tesoureiro durante todo o tempo que estivo funcionando.
Desde o verán de 2005, forma parte do grupo de baile tradicional e de pandeireteiras “A Fiada” de Viladesuso, onde baila, canta e toca o bombo e a pandeireta.
Desde abril de 2007 é socio da Asociación Naturalista “Baixo Miño” (ANABAM), responsabilizándose dalgúns dos proxectos que a asociación desenvolve no Baixo Miño ao mesmo tempo que colabora nas actualizacións da súa páxina web e na súa revista “Carrizal”. Así mesmo, ostenta o cargo de Vicepresidentede ANABAM desde o 14 de xuño de 2008.
Desde a súa formación a finais de 2008, forma parte da Charanga de Pedornes, charanga que máis tarde pasou a denominarse Charanga “A Muruxeira”.
Entre os congresos e simposios que organizou destaca o “Seminario Internacional Sobre a Lamprea” celebrado en Arbo en abril de 2012.
Ten tramitado numerosas solicitudes de subvención a través dos diferentes colectivos e asociacións de Pedornes, tanto á Deputación de Pontevedra como á Xunta de Galicia e conseguido financiamento para diversas obras sociais e mobiliario así como para actividades socio-culturais.
Ten elaborado carteis informativos dos diferentes eventos que se organizan na parroquia de Pedornes e a súa contorna que, xunto con breves notas de prensa, sole enviar aos medios de comunicación máis próximos (páxinas web comarcais, periódicos e radios, principalmente).

Ningún comentario:

Publicar un comentario